Arredor de 400 deportistas participaron esta mañá nas distintas probas da X Carreira popular de San Sadurniño, unha das clásicas do athletismo amador da comarca. A raíña foi de novo a cronometrada de 4,9 quilómetros con saída e chegada no arboreto da Cortiña tras pasar pola Bidueda, Cornide e un tramo da estrada de Ortigueira. Un trazado no que os mellores tempos os asinaron a cariñesa Verónica Bugliot Fernández -19’30”- e, por primeira vez na historia da carreira, un athleta local. E é que Juan Rejas Gabeiras, de Naraío e membro do Triatlón Ferrol, completou a rolda en 14’59”, impoñéndose con máis dun minuto de marxe ao seguinte clasificado.
Rejas e Bugliot son atletas con experiencia que, porén, nunca correran por este circuíto e malia ganar comodamente, tamén comentaban trala proba que a súa facilidade era enganosa, principalmente pola obriga de dosificar forzas na Bidueda -antes de subir a Cornide- e de non deixarse levar pola euforia do tramo final ao longo da AC-862, que discorre en baixada e, tras pasar o río, empeza un ascenso suave pero moi longo que acaba sendo unha auténtica criba.
“Pareceume unha carreira moi bonita, sobre todo a saída e chegada neste entorno tan espectacular á beira do río. É unha carreira moi rápida e dinámica porque non é todo chan. Temos dúas subidas, tanto a do quilómetro dous como a do final, que como veñas sen pernas… Vés de baixar e hai unha subida bastante potente e faise difícil neses tramos”, comentaba a representante do Corzos de Ortegal, Verónica Bugliot Fernández, afeita a probas extremas como a XIV CAMOVI, na que resultou vencedora no apartado feminino.
O local Juan Rejas Gabeiras correu a maioría das populares de San Sadurniño, aínda que este trazado estreado en 2022 era a primeira vez que o facía. “A parte máis dúra fíxoseme cando se coroa Cornide, xusto antes da baixada. Aí as pernas pedían retirada”, comenta o athleta de Naraío que participou recentemente no 10K Internacional de Laredo “ao que fun probarme a ver se facía marca persoal, e rexistrei un 30’44”. Hoxe sacoulle 1 minuto 11 segundos ao seguinte clasificado masculino e rebaixou en case un minuto a marca do vencedor do ano pasado. Como curiosidade pódese comentar que a súa nai, Clara Gabeiras, fixo en 2024 o mellor tempo feminino de San Sadurniño.
A X Carreira popular de San Sadurniño foi todo un éxito organizativo, gracias á colaboración do persoal da Federación Galega de Atletismo, do club ciclista Biela e Chaveta e do apoio loxístico de Emesports, en cuxa web poden consultarse xa as clasificacións de todas as categorías. Ademais, no éxito tamén tivo que ver o speaker Terio Carrera, animando a mañá con entrevistas e comentarios sobre a traxectoria dos nomes máis destacados e, máis que nada, dinamizando a proba en perfecta sincronía co persoal de cronometraxe para que o plan horario se fose cumprindo coa máxima precisión.
A proba absoluta da pedestre sadurniñense botou a andar ás 11:30h e ás 12:21h pasou baixo o arco de meta o último dos 236 dorsais entregados a primeira hora. Os mellor clasificados do noso concello foron o propio Rejas en masculino e Catarina López Piñeiro -outra das fixas da carreira- en feminino, cun tempo de 27’22”.
Antes da carreira de 4,9 quilómetros desputáronse as mangas Sub 16 e Sub 14 mentres que, tralo seu remate, o arboreto da Cortiña acolleu as probas de Sub 12, Sub 10 e a multitudinaria de Peques, na que houbo que facer ata catro saídas para que as criaturas máis noviñas non tropezasen. Os resultados de todas as categorías -agás a das nenas e nenos máis pequenos, que non eran competitivas- poden descargarse tamén nas seguintes ligazóns, xa que en Emesports poderían deixar de estar dispoñibles dentro dunhas semanas.