Home A Coruña VI Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo

VI Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo

- Anuncio -

A VI Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, organizada por primeira vez pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo e patrocinada pola Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Outes, celebrárase entre os días 1 e 5 de novembro en Outes.

MDFDM 2023 mantén a estrutura de proxeccións da anterior edición, exhibindo un total de 24 filmes nacionais e internacionais nas diferentes seccións. Estas terán lugar durante as tardes no auditorio da Casa da Cultura (A Serra de Outes) e estarán complementadas con actividades paralelas que se celebrarán de mañá no centro Náutico do Freixo. Como novidade, está previsto que o sábado, día 4 de novembro, as actividades de mañá se celebren no Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira, “Estaleiro de Ciprián”.

Para poder asistir ás distintas sesións, será necesario reservar a través do sitio web da M ostra a partir de hoxe.

Competición Oficial

Mantendo o formato da anterior edición, Mares da fin do Mundo contará cunha Competición Oficial na que participarán quince obras documentais producidas conposterioridade ao 1 de xaneiro do 2022, de menos de 60 minutos de duración e chegadas dende diferentes puntos do mundo. Mantéñense os dous premios da Competición Oficial, incrementándose a dotación económica dos mesmos. Estes premios son: o Premio do Público (trofeo “O Sancosmeiro”, cunha dotación económica de 2000 €), e o premio á Mellor Película da Competición Oficial (trofeo “O Faro”, cunha dotación económica de 1000 €), outorgado por un xurado profesional.

A continuación, os filmes que forman parte da competición:
⎯ “Aralkum”, de Daniel Asadi Faezi & Mila Zhultktenko (Alemaña/Uzbekistán, 2022)
⎯ “Bloom”, de Helena Girón & Samuel Delgado (España, Canarias/Galicia, 2023)
⎯ “Confine Liquido”, de Andrea Scimone (Italia, 2022)
⎯ “Daughter of the Sea”, de Nicole Gormley & Nancy Kwon (Estados Unidos/Corea do Sur, 2023)
⎯ “Happy Life”, de Galina Leontieva (Alemaña/Rusia, 2023)
⎯ “Haulout”, de Evgenia Arbugaeva & Maxim Arbugaev (Reino Unido/Rusia, 2022)
⎯ “L´Effort des hommes”, de Jean Gabriel Périot (Francia, 2022)

⎯ “Mission microbiome”, de Giulia Grossmann (Francia, 2022)
⎯ “Mmrrssmm… Xeosónica #1 Atlántico”, de Andrés Mahía (España, Galicia, 2022)
⎯ “Piblokto”, de Anastasia Shubina & Timofey Glinin (Rusia/Estados Unidos, 2023)
⎯ “Requiem for a Whale”, de Ido Weisman (Israel, 2022)
⎯ “Riacheros”, de José Antonio Ortiz Sabido (España, Andalucía, 2022)
⎯ “Shirampari: Herencias del Río”, de Lucía Flórez (España/Perú/Estados Unidos, 2022)
⎯ “Squid Fleet”, de Ed OU & Will N. Miller (Estados Unidos, 2023)
⎯ “Twilight Dream”, de Amanda Cots & Ángel Suárez (España, Valencia, 2022)

Quince filmes, de once nacionalidades distintas e falados en múltiples linguas (con subtítulos en galego), centrados na pesca sostible e a protección do medio ambiente mariño, cun especial interese nos aspectos culturais, sociais e políticos que rodean ás comunidades pesqueiras tradicionais. Nesta edición, dende a Mostra, queremos abrir un debate crítico e reflexivo sobre a necesidade da pesca e consumo de mamíferos mariños e o impacto medioambiental desta práctica. Moitos destes títulos terán a súa estrea nacional en Outes.

Proxeccións especiais

MDFDM2023 volverá contar con dúas seccións paralelas: Proa, na que se programan filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade, que abordan os temas centrais da Mostra e ollan cara ao futuro, e Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos.

Nesta sexta edición, a sección Popa contará coa colaboración da Cinemateca Portuguesa – Museu do Cinema a través do Proxecto FILMar, que ten como obxectivo a identificación, preservación, dixitalización e promoción do patrimonio fílmico relacionado co mar, contribuíndo a un maior coñecemento da presencia do mar na historia do cinema portugués. Para esta sección, escolléronse cinco títulos que reflicten a diversidade das artes, preservación e tratamento da pesca, amosando como esta era unha práctica social e comunitaria, en moitos casos motor de resistencia fronte ás violentas e inxustas condicións de traballo dos pescadores e das súas comunidades. Os filmes son exemplos documentais dun tempo vivido e herdado. Nesta sesión, proxectarase ademais un dos primeiros documentos históricos da pioneira Invicta Films, que no 1913 rexistrou “O naufraxio do Veronese”, que saíra do porto de Vigo, nunha fría noite de xaneiro, para naufragar na costa portuguesa. As outras catro obras son: “A almadraba atuneira”, de António Campos (Portugal, 1961), “Tin Sardines”, de Leitao de Barros (Portugal, 1935), “Pesca do bacalhau”, de Fims Sanmael (Portugal, 1931) e “A indústria baleeira”, de José César de Sá e António Antunes da Mata (Portugal, 1932).

Por outra banda, os documentais que integrarán a sección Proa serán “A Taste of Whale”, do director francés Vincent Kelner (2022), e “The Whale from Lorino”, de Maciej Cruske (Polonia, 2019), que documentan a pesca de baleas en dous puntos da xeografía mundial como son as Illas Feroe e Chukotka, no extremo nororiental de Siberia.

O filme que inaugurará a VI Mostra MDFDM será “Matria”, de Álvaro Gago (España, Galicia, 2023), unha obra baseada en feitos reais que documenta a vida de Ramona nun pobo pesqueiro de Galicia, sumida nun tenso e impredicible contexto laboral e social, que a leva a sacrificar todo polo futuro da súa filla Estrella. O filme tivo a súa estrea mundial no Festival de Berlín, e proxectouse posteriormente no Festival de Málaga.

O sábado 4 de novembro proxectarase , no marco dunha actividade especial da Mostra, a obra “Caneliñas, a costa das baleas”, de Paula Castiñeira & María González (España, Galicia, 2021). Unha obra sobre a importancia que a factoría baleeira de Caneliñas e a pesca desta especie tivo na Costa da Morte durante moitos anos, sendo un dos principais motores económicos da zona, chegando a situar Cee no panorama internacional.

Asemade, o mércores día 2 de novembro proxectarase unha obra producida pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, organizadora da Mostra, e dirixida por Vanessa Martínez (España, Galicia, 2023). “Entre redes”, protagonizada por Rogelio Santos Queiruga, Mercedes Silva e María Maceiras, xira arredor destes tres profesionais do mar, que comunican nas novas plataformas o seu día a día, divulgando e poñendo en valor o mesmo, ao tempo que fan pedagoxía da importancia de coidalo dende o punto de vista da sostibilidade.

O domingo 5 de novembro, despois da proxección da sección Popa, terá lugar o acto de clausura da sexta edición coa entrega de premios.

Actividades paralelas

Como en edicións anteriores, a programación compleméntase con varias actividades paralelas desenvolvidas principalmente no Centro Náutico do Freixo. Nas mañás do mércores, venres e domingo, os asistentes poderán descubrir o territorio a través das saídas pola ría no veleiro Joaquín Vieta, acompañado polas embarcacións tradicionais da Asociación Terra de Outes. Nesta edición, contaremos ademais cunha actividade de navegación para persoas con diversidade funcional, grazas á colaboración coa Asociación ADECO – DEA, entidade que promove o deporte adaptado. O xoves terá lugar a habitual gravación e emisión dixital en directo do programa “Mar de Ardora” da Radio Galega. Nas xornadas posteriores, a Mostra contará cunha Mesa Proxecta, cuxa temática será “A sostibilidade dos festivais de cinema no rural”, na que participarán profesionais do sector audiovisual. O sábado, no incomparable marco do Estaleiro de Ciprián e, aproveitando a proxección da obra interactiva “Caneliñas”, celebrarase unha actividade denominada “Crónicas do Mar”, cuxa temática xirará en torno á relación da literatura, o
 xornalismo e o cinema coa pesca artesanal e o medio ambiente mariño. Celebrarase tamén unha degustación gastronómica (showcooking) a cargo da Asociación de Hostalaría Ría da Estrela coa colaboración da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín por medio da súa marca ‘Azul de Portosín’.

Do mesmo xeito, nesta edición, volvemos contar en MDFDM cunha exposición fotográfica na Casa da Cultura de Outes. Nesta ocasión, poderase gozar da obra de Antonio Nodar “2222: o ano da serpe”, un relato futurista sobre o cambio climático, sustentado en imaxes actuais. Este proxecto constrúese coma unha alternativa visual de ficción no ano 2222, utilizando modificacións de cor e luz.

MARES DA FIN DO MUNDO, VI MOSTRA INTERNACIONAL DE CINEMA DOCUMENTAL

Mares da Fin do Mundo é un proxecto local, asentado no rural pero con proxección internacional. Unha mostra comprometida co medio marítimo e co sector pesqueiro, que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar un dos nosos recursos naturais máis valiosos: o mar. Despois de cinco edicións (desde 2018), MDFDM segue a traballar por ser un espazo de referencia e punto de encontro, tanto para o sector audiovisual como o pesqueiro e a cidadanía en xeral. Tendo en consideración que un dos obxectivos principais da Mostra é o seu compromiso coa sostibilidade, sendo asinante do Pacto Cultura Sustentable da ONU, algunhas das novidades desta VI edición teñen que ver coa vinculación co territorio dende un punto de vista de sustentabilidade e inclusión social, dando entrada como colaboradores a entidades de referencia na zona como a Asociación A Misela, a Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros “ADISBISMUR” e a Asociación Pro Saúde Mental A Creba, fomentando e facilitando o acceso dos usuarios e usuarias de ditas entidades á Mostra, así coma noutros labores organizativos. Como exemplo desta colaboración, vinculado co noso compromiso co medio mariño, nesta edición todos os asistentes volverán recibir un chaveiro fabricado con plásticos extraídos da nosa costa, froito do excelente traballo da Aula Sostible do Freixo, un proxecto de sostibilidade e economía circular no que están integradas ditas entidades de inclusión social, así coma a Agrupación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra — Ría de Muros Noia e o propio Concello de Outes.

A Mostra Internacional de Cinema Documental MARES DA FIN DO MUNDO está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Outes. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

Materiais adicionais dispoñibles no sitio web da mostra e nas redes sociais de Mares da Fin do Mundo (Facebook e Instagram). Tamén a petición no correo: comunicacion@maresdafindomundo.gal

Relacionadas

A Deputación acolle no Pazo provincial a conferencia sobre a vida olímpica de Teresa...

0
A deputada provincial María Ramallo presentou a actividade, que está enmarcada en Unha vida olímpica, unha alianza entre a institución e a piragüista co...

Luis López súmase á convocatoria da Xunta de Galicia no acto “Queremos Ave Vigo-Oporto”

0
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sumouse esta mañá no Auditorio de Afundación de Vigo ao acto convocado pola Xunta de Galicia...

A Deputación supervisa en Vilagarcía as obras de mellora e acondicionamento do acceso á...

0
O deputado provincial visitou a zona na que se executaron os traballos, xa rematados, onde a Deputación investiu 160.000 euros A Deputación de Pontevedra supervisou...

Rafa Domínguez confirma que a Deputación destinará 131.000 euros para financiar actividades culturais e...

0
“Son actividades fundamentais para a cidade de Pontevedra, que contribuirán a dar pulo ao comercio local, ao casco histórico e a organizar actividades culturais...

A Deputación concentra no Pazo Provincial a 300 estudantes de Primaria que están a...

0
Tralo paso do alumnado de secundaria e de Centros de Educación Especial, chegou a quenda dos rapaces de primaria, agrupados en 12 cooperativas nas...

Incendio nun transformador eléctrico no soto do concello de Ribeira

0
Os bombeiros do parque Provincial de Ribeira participaron este mediodía nun operativo provocado polo incendio nun transformador eléctrico situado no soto da casa consistorial...

Publicacións Relacionadas