As traballadoras do Departamento dos Servizos Sociais do Concello da Pobra do Caramiñal achegáronse nesta mañá, acompañadas da edil da referida área, Amparo Cerecedo (BNG), ata as futuras dependencias onde desenvolverán o seu labor, situadas na planta baixa dun edificio fronte ao consistorio. Alí puideron comprobar in situ a evolución das obras do inmoble que, previsiblemente, quedará totalmente acondicionado en próximas datas e que abrirá as súas portas á veciñanza da Pobra no mes de febreiro.
O local conta cunha superficie útil de 191’25 metros cadrados, divididos en varios espazos: vestíbulo, recepción, dous aseos, almacén, seis despachos, zona de espera e sala de reunións. Ademais, será accesible e contará con entrada pola praza da Constitución.
A concelleira Amparo Cerecedo cualificou esta mudanza como “necesaria de maneira urxente” para poder incrementa-los servizos que se poidan ofertar, o cal redundará nunha mellor atención á veciñanza, especialmente, nesta situación derivada da COVID-19. Ao mesmo tampo, apuntou que o traslado liberará espazo no Centro de Atención Integral á Discapacidade, posibilitando que as persoas usuarias do centro ocupacional pasen de recibir atención en liña (online) a que esta sexa presencial.
Cerecedo enumerou entre algunhas das vantaxes a proximidade deste novo local á casa do concello, pois afirmou que resultará máis cómodo para a veciñanza no momento de realizar trámites, ademais de facilita-la interacción con outras áreas da Administración local. Nas ditas dependencias tamén se atopará o persoal adscrito á Concellaría da Igualdade.
Se ben o inmoble é de alugueiro, o Concello asumiu os traballos de acondicionamento, nos cales se proxecta un sistema de compartimentación con barreira acústica, os acabados (logo de pintar e da colocación de zócolos), o establecemento da climatización mediante splits individuais, a instalación de iluminación para a nova compartimentación e a reforma do cadro existente por ampliación. A obra está sendo executada pola empresa CYS Hispania S.L. e o importe ascende a 44562’75 euros, IVE incluído, con cargo aos orzamentos municipais.