HomeA CoruñaVolve o Ciclo Contandociencia

Volve o Ciclo Contandociencia

- Anuncio -spot_img

Cunha conferencia do delegado da Sociedade Galega de Historia Natural Ferrol comezará a vindeira semana a quinta edición de Contando Ciencia

Volve Contando Ciencia, un programa que retoma a súa actividade co inicio do curso escolar “co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto a todo tipo de público, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta. Ciclo organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene. Coordina a mestra Violeta Miraz Seco.

Contando Ciencia 2025-26 principiará o xoves 16 de outubro co relatorio “O Museo de Historia Natural Ferrol, un museo cidadá”, a cargo do delegado da SGHN-Ferrol Xan Rodríguez Silvar. No devir desta charla, o biólogo, naturalista e activista ambiental falará das orixes e da historia do museo ferrolán que naceu “como resultado da actividade de decenas de socios e colaboradores da entidade e que, na actualidade, ten unha das mellores coleccións naturistas da península ibérica”

O ciclo Contando Ciencia proseguirá ao longo do curso 2025-26, atendendo ao seguinte calendario e programa:

20 de novembro, Ceres Fernández Rozadilla, doutora en Medicina e investigadora da Fundación CRIS contra o cancro. Tema: “Está o cancro escrito nos nosos xenes? Benvidos á xenómica”.

Falará de como o noso xenoma contribúe a que unhas persoas padezan de cancro e outras non, en que traballan no seu laboratorio e como se pode aplicar este coñecemento de cara a nova era da medicina de precisión.
15 de xaneiro, Irene Pérez Cáceres, doutora en Xeoloxía e técnico da Cámara Oficial Mineira de Galicia. Tema: “Terras raras: Nin son terras, nin son raras”.

Falará do que son as terras raras, desde o seu descubrimento ata as súas aplicacións na sociedade actual. Abordará a importancia estratéxica destes elementos críticos para as tecnoloxías modernas e a transición enerxética, desde dispositivos electrónicos ata vehículos eléctricos e enerxías renovables.

12 de febreiro, Miguel Brozos Vázquez, investigador do CITMAga e profesor de Matemáticas na UDC. Tema: “Unha viaxe con curvas que nos pon os pelos de punta!”.

Como se traza a curva dunha estrada ou dunha montaña rusa? Cal é o tobogán máis rápido? Nesta charla falará de Xeometría e fará un pequeno percorrido por interesantes curvas, dando resposta a estas cuestións. Despois surfeará un pouco por superficies, analizando por que é difícil que non nos quede un remuíño ao peitear o pelo ou como podemos facer para detectar a colisión dun dron.

12 de marzo, Elena Gonzalez Ferreiro, catedrática de Física Teórica no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC: “A teoría do todo: do infinitamente pequeno ao Big Bang”

Explicará como está constituida a materia, que teorías temos para comprender as interaccións fundamentaís e como tratamos de recrear os instantes do Big Bang nos aceleradores actuais.

16 de abril, Ángeles Romero Rodríguez, catedrática da área de Tecnoloxía de Alimentos da USC. Tema: “Din que hai que comer de todo…”

Cres que para estar sano hai que comer de todo? Invitámoste a unha charla onde exploraremos xuntos as chaves para mellorar a túa saúde a través da alimentación. Verás como é máis doado do que pensas. Descobre como pequenos cambios na túa alimentación pode tener un gran impacto no teu benestar. Ven coas túas dúbidas e curiosidades: sorprenderache o sinxelo que pode ser coidarte!

Publicacións Relacionadas