HomeA CoruñaA CoruñaVolve Papeques, o programa que achega a música, a lectura, o cine...

Volve Papeques, o programa que achega a música, a lectura, o cine e o teatro aos máis cativos

- Anuncio -spot_img

• As actividades arrincarán este sábado, 29 de novembro, e prolongaranse ata mediados de decembro.

O Concello volverá achegar a paixón pola música, o teatro, o cine e a lectura aos nenos e nenas. Todo grazas á nova edición de Papeques, un programa que arrincará este sábado, 29 de novembro, e que se prolongará ata o 18 de decembro. En total, serán seis as actividades que se levarán a cabo, cada unha cun rango de idade específico.
A primeira proposta terá lugar este sábado, 29 de novembro, ás 18.00 horas no Edificio Social Toñito Espiñeira. Ese día, Pakolas aterrará no municipio con A Ramona pequena vai á lúa (para maiores de 2 anos). Na función, unha máquina do tempo leva a Ramona á súa infancia, cando era unha nena movida por constantes inquedanzas e cunha mente esperta e imaxinativa.
A seguinte actividade será o xoves, 4 de decembro, ás 18.00 horas coa proxección de Una familia de superhéroes na Casa da Cultura (para maiores de 4 anos). O filme relata a historia de Hedvig e de como a súa vida dá un xiro cando ten a oportunidade de asumir o papel de supeheroína da cidade e substituír ao seu pai. O único problema é que é torpe, algo preguiceira, non está en forma e gústalle máis xogar aos videoxogos que asumir o papel de salvadora. Pero cando o seu pai elixe o curmán Adrián para que sexa o próximo superheroe, Hedvig dáse conta de que ten que reaccionar.
Teatro dos Gazafelhos, de Monstros no Camiño, tomará a remuda o venres, 5 de decembro, ás 18.00 horas no local Xente Nova de Tabeaio. A función, dirixida para maiores de 6 anos, conta a historia de tres investigadores de Europa do leste que viaxaron polo camiño de Santiago para desmontar os mitos dos seres ou fenómenos locais. Ao longo da representación, os protagonistas farán un simposio para amosar os resultados da súa aventura.
Kyoki, de Elefante Elegante, será a seguinte proposta de Papeques. A función escolar terá lugar o xoves, 11 de decembro, ás 12.00 horas no local Xente Nova de Tabeaio. Trátase dun espectáculo sen palabras que aborda temáticas como o esquecemento, da vellez e da soidade.
Pérez & Fernández levarán ao municipio Nanai da China o venres, 12 de decembro, ás 18.00 horas ao Xente Nova de Tabeaio (maiores de 5 anos). A obra conta a historia de Nanai, unha nena que naceu nunha noite sen lúa. Os seus veciños e veciñas rexéitana desde o seu nacemento e por pura superstición.
A última proposta do calendario será un contacontos que correrá a cargo de Trinketrinke Teatro e o seu Familia diversas (xoves, 18 de decembro, ás 18.00 horas na biblioteca da Casa da Cultura). Os Ratos de Lonxetodo volven á instalación municipal para descubrir coas nenas e nenos que as familias non sempre son iguais pero que sempre son o mellor que temos. A actividade está pensada para cativos e cativas de entre 4 e 8 anos.
Papeques está organizado pola Concellería de Cultura de Carral en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e con Dinamiz-ARTj, do Instituto para a Transición Xusta a través da Fundación Ciudad da Enerxía-CIUDEN.

Publicacións Relacionadas