O grupo nacionalista presenta no Parlamento unha serie de iniciativas para poñer fin ás deficiencias que padece o alumnado do IES Terra de Xallas
O BNG esixe á Xunta que poña fin de maneira inmediata ás graves deficiencias do transporte escolar no concello de Santa Comba. “Ë un despropósito que o alumnado teña que chegar tarde ás aulas ou que non haxa prazas suficientes nos autobuses polo que non pararemos até que esta situación se solucione”, sinala a deputada nacionalista Iria Carreira.
Garantir o número de prazas necesarias nos autobuses e uns horarios que permitan acceder en tempo ao centro e ensino son as dúas principais esixencias que o BNG reclama da Xunta para solucionar os graves problemas que padece o alumnado do IES Terra de Xallas. Neste sentido, a deputada nacionalista, Iria Carreira, rexistrou unha serie de iniciativas no Parlamento que insta a Xunta a actuar de maneira inmediata e poñer fin ás gravísimas deficiencias do transporte público escolar que se producen en Santa Comba.
A deputada do BNG, Iria Carreira, participou xunto co portavoz municipal, Juan David Sixto, na concentración de nais e pais diante do IES Terra de Xallas a quen lles trasladou o seu compromiso para defender no Parlamento iniciativas que obriguen á Xunta a solucionar os problemas do transporte público.
“Esiximos á Xunta que poña solucións aos graves problemas que están a acontecer cunha pésima planificación do transporte escolar con horarios caóticos que non se adaptan aos do instituto e con prazas insuficientes para responder á necesidade do alumnado”, explica Iria Carreira que considera “completamente inaceptábel” que a rapazada usuaria “se vexa na obriga de chegar tarde ás aulas ou non poder acceder ao autobús por falta de prazas xa que non están garantidas sequera ás de quen ten dereito a elas”, de maneira especial nas liñas de Parada e Portovilar.
Para o BNG, a situación agrávase aínda máis no caso do alumando de bacharelato e os ciclos formativos pola “persistencia na negativa do PP a garantir o transporte escolar no ensino post-obrigatorio”.
Neste sentido, o grupo nacionalista esixe á Xunta solucións e unha actuación inmediata que “garanta un transporte escolar de calidade e que reponda ás necesidades do alumando do concello de Santa Comba para favorecer a equidade e o acceso a unha educación pública de calidade e rematar coa discriminación que padecen os concellos do rural”.
Pola súa parte, o responsábel local do BNG en Santa Comba, Juan David Sixto, insistiu nos graves problemas “que afectan aos servizos públicos no noso concello cunha veciñanza que padece o abandono da Xunta e a inoperancia do goberno municipal”.
Ao respecto, lembrou que recentemente presentou unha queixa no concello pola instalación da marquesiña da parroquia de Busto que obrigaba aos nenos e nenas usuarios o autobús municipal a atravesar dúas rúas para acceder á parada do autobús situada nun cruce. “Temos que concluír con que para os nosos nenos e nenas acudir aos seus centros de ensino está a ser un proceso complexo e mesmo perigoso por iso esiximos que, de maneira inmediata se poña fin a esta situación lamentábel”, sinalou Juan David Sixto.