Home A Coruña O BNG de Santa Comba denuncia o grave deterioro do ximnasio municipal

O BNG de Santa Comba denuncia o grave deterioro do ximnasio municipal

0
2

O portavoz nacionalista, Juan David Sixto, esixe ao goberno municipal accións urxentes para evitar perigos nas instalacións

As goteiras e o encharcamento poñen en risco o uso do equipamento

O portavoz do BNG de Santa Comba, Juan David Sixto, esixe que o goberno municipal actúe de maneira inmediata para solucionar os graves problemas de deterioro do ximnasio público que están afectando e poñendo en risco ás persoas usuarias das instalacións. Sixto rexistrou unha iniciativa na que traslada o malestar de veciñas e veciños que usan o ximnasio.

Auga encharcada, goterias continuas, perigo nas instalacións eléctricas e deterioro avanzado das máquinas deportivas son algúns dos problemas que afectan ao ximnasio municipal de Santa Comba e que o BNG denuncia na iniciativa rexistrada no Concello na que esixe unha inmediata solución. “O estado é lamentábel e non se pode agardar máis para poñer en marcha unha actuación urxente que solucione esta situación e evite riscos para as persoas usuarias”, sinala o portavoz municipal nacionalista, Juan David Sixto que achega fotografías que demostran o estado da instalación que forma parte do Complexo Deportivo Municipal Fontenla.

Para o BNG de Santa Comba, “a situación estase complicando día a día xa que coas fortes choivas a auga aínda está a provocar un maior deterioro e podemos ver como inunda algunha superficie e mesmo se concentra en zonas próximas ás instalacións eléctricas”. Por todo isto, Juan David Sixto alerta dos “riscos que conleva unha situación así, que cada día vai a máis polo que non é posíbel demorar máis a execución das medidas necesarias” e faise eco das numerosas queixas recibidas por persoas usuarias do ximnasio.

O portavoz nacionalista lamenta que “o alcalde contribúa a que este concello teña uns servizos de terceira… denunciamos no seu momento o estado do Centro de Saúde e dos centros de ensino e agora é o ximnasio municipal o que fai augas… a veciñanza de Santa Comba non merce unhas instalacións con tal grao de deterioro”, sinala.