O Goberno galego lembra que entre as responsabilidades municipais figuran a limpeza e roza de fincas, o mantemento dos contedores de lixo en boas condicións ou a concienciación cidadá para non alimentar á fauna salvaxe
Os cazadores da zona daranlle continuidade o mes que vén ás accións cinexéticas de dispersión que viñeron realizando durante todo maio co fin de desencamar estes animais e dispersalos cara a zonas afastadas do núcleo urbano
A Xunta de Galicia, o Concello de Cariño e o Tecor de Ortegal colaborarán ao longo do mes de xuño co obxectivo de desencamar e afastar aos xabarís que se concentran na contorna periurbana do municipio coruñés cara a unha área de actividade cinexética, lonxe do núcleo urbano e das infraestruturas viarias.
Así o acordaron esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o alcalde de Cariño, Miguel Alonso Pumar, e mais o presidente da entidade cinexética, José Luis Pérez, que mantiveron unha xuntanza na Consellería de Medio Ambiente para analizar a presenza de xabarís detectada recentemente nos arredores do casco urbano municipal.
Tendo en conta a localización periurbana dos animais, Belén do Campo convocou esta reunión co fin de coordinar as accións das dúas administración públicas implicadas por razón de competencia. De igual xeito e tras lembrar o apoio e implicación dos cazadores galegos cando se require a súa intervención para levar a cabo accións cinexéticas puntuais por danos, a directora xeral tamén convidou a participar na reunión ao presidente do Tecor de Ortegal, unha entidade que, de feito, xa interviu durante o mes de maio neste concello.
Ás actuacións xa desenvolvidas daráselles continuidade nas próximas semanas coa realización de novas accións cinexéticas con cans para buscar a dispersión dos xabarís das zonas de encame localizadas no casco periurbano de Cariño. O vindeiro sábado 5 de xuño, precisamente, está prevista a primeira das intervencións por parte do Tecor de Ortegal, que se repetirán ás veces necesarias ao longo do mes de xuño.
Neste sentido, a directora xeral salientou que se contará co apoio da policía local para facilitar e garantir a seguridade mentres se desenvolvan as accións de deslocalización dos animais, tendo en conta que se trata dunha zona urbana.
En todo caso, Do Campo insistiu na importancia de combinar as actuacións de carácter cinexético con outro tipo de intervencións igualmente necesarias. Así, referiuse en concreto á importancia de que o Concello de Cariño garanta a limpeza das fincas na contorna urbana —unha obriga, por outra banda, recollida na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia—, xa que son estas fincas as que os animais están utilizando como zona de refuxio.
Do mesmo xeito, a directora xeral lembrou que, como xa se lle trasladara á Fegamp no seu día, a xestión desta especie silvestre tamén comporta unha serie de obrigas por parte das Administracións locais, polo que apelou á súa colaboración.
Así, ademais da limpeza e roza dos terreos que bordean o casco urbano, insistiu na importancia de que os concellos manteñan en boas condicións os contedores e vixíen que non haxa lixo acumulado polas rúas; así como na necesidade de que realicen accións de concienciación cidadá para alertar aos seus veciños de que non se pode alimentar a animais silvestres. Ambas peticións foron ben acollidas por parte do rexedor de Cariño.



