A concelleira reclamou á Xunta que achegue máis medios materiais e humanos para atender aos menores e adolescentes que sofren trastornos de saúde mental
A concelleira da área de Benestar Social , Yoya Neira, pechou esta tarde a xornada “Saúde mental e adolescencia” que tivo lugar na Fundación Paidea, organizada pola Asociación Emilia Gómez ADAFAD. Na xornada participaron persoas expertas que analizaron os distintos aspectos (sanitario, educativo, normativo) da saúde mental da cidadnía máis nova da nosa sociedade.
Neira repasou os retos e as ferramentas coas que conta a administración municipal para actuar dentro das súas competencias fronte a un problema que cada vez preocupa máis ás familias, centros escolares e servizos socias e que se vén agravando dende a pandemia. O Goberno de Inés Rey colabora con ADAFAD no marco do convenio asinado para a financiación de actividades e actuacións para a prevención das adiccións en centros escolares, con 25.000 anuais para a desenvolver a súa programación.
A concelleira reclamou á Xunta que achegue máis medios materiais e humanos para atender aos menores e adolescentes que sofren trastornos de saúde mental e tamén para loitar contra a exclusión. “Os adolescentes que sofren problemas de exclusión na súa contorna familiar teñen máis probabilidades de sufrir trastornos de saúde mental e viceversa: sufrir un trastorno de saúde mental xera exclusión”, sinalou Neira.

