O grupo ofrecerá un concerto ás 20:00 horas na Eira do Convento, a carón do Mosteiro, no marco da programación das Festas de San Cosme e San Damián
O grupo A Banda da Balbina actuará este domingo 24 de setembro, ás 20:o0 horas, na Eira do Convento, a carón do Mosteiro de Oia, no marco do programa da Deputación de Pontevedra “Musigal”. Na actuación, que se inclúe dentro da programación das Festas de San Cosme e San Damián, a agrupación amosará unha proposta que mestura ritmo e melodía coa musicalidade da lingua galega.
Como sinalan os seus integrantes, se hai algo que define ao grupo “é que cantamos e contamos historias, historias que son nosas e comúns nas catro provincias”. A Banda naceu en 2008 coa difusión da “Estomballada”, a súa primeira canción, que pasou a formar parte do repertorio de orquestras galegas. Tralo premio conseguido por “O fillo do mar”, na Radio Galega, o grupo iniciou a súa andanza polas festas con concertos en toda Galicia, levando sempre música en galego. No ano 2016 foi gañadora do Premio Martín Códax da Música 2016 polo traballo “Convertendo cuncas en ferrados” na categoría Reggae/Ska/Mestizaxe.
O programa “Musigal” é unha iniciativa cultural da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo apoiar a difusión e a promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia á vez que fomenta o uso e a normalización social da lingua.



