A undécima edición da Chandrexa Trail celebrarase en Chandrexa de Queixa o vindeiro 18 de xuño, organizada por Running Sport Trail e a Deputación de Ourense.
O vicepresidente primeiro provincial, Rosendo Fernández, presentou esta mañá a proba acompañado polo alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez; o director da proba, Diego Martínez; o director de seguridade da proba, Gerardo Caneiro; e o xerente de Cafés Campos – Las Antillas, Marcos Vázquez.
A proba deportiva, que colaborará un ano máis coa Asociación de Fibrosis Quística de Galicia, contará con deportistas procedentes de toda Galicia e diferentes puntos de España.
A undécima edición da Chandrexa Trail consistirá en tres percorridos, a escoller polos participantes, entre os 34 quilómetros na súa modalidade máis desafiante -cun desnivel de 2.350 metros-, un circuíto de 18 quilómetros -desnivel de 960 metros- e unha andaina de 18 quilómetros -co mesmo trazado que o anterior circuíto-.
Os percorridos parten dende o Concello de Chandrexa e chegan ao colexio da localidade. Durante o percorrido os participantes terán a súa disposición distintos puntos de avituallamento , nos cales poderán retomar forzas para continuar a carreira, que contará tamén con corredores escoba, que eliminarán os corredores que non cheguen os distintos cortes horarios propostos pola organización.
A proba será válida para á clasificación da Liga Provincial de Trail Ourense, e por tanto, os puntos obtidos serán computables no sistema ITRA. Tamén é destacable que esta competición servirá como clasificatorio para o desafío de UTMB Mont-Blanc, que terá lugar a finais do mes de agosto e que reunirá ós mellores corredores do mundo.