Así o explicou o presidente provincial, Luis Menor, trala reunión mantida esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel con responsables municipais dos concellos da comarca de Ourense e representantes dos diferentes partidos políticos
Luis Menor valorou como “moi produtivo” o encontro, no que se acordou esta iniciativa para definir o número de liñas e avanzar en cuestións técnicas como o número de paradas, frecuencias, a afección que tería nas liñas de transporte interurbano, así como os custes que suporía a implantación deste novo servizo
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presidiu hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel unha nova reunión da Comisión do Transporte Metropolitano, onde están representados os concellos da comarca de Ourense e os diferentes partidos políticos, co obxectivo de sacar adiante “esta demanda histórica que afecta á practicamente toda a metade da poboación da nosa provincia”, sinalou Menor.
O presidente provincial valorou como “moi produtiva” a reunión, na que se acordou instaurar un proxecto piloto que afecta aos concellos limítrofes da cidade para poder definir o número de liñas e avanzar en cuestións técnicas, como a definición das paradas, frecuencias, a afección que tería nas liñas de transporte interurbano e os custes que suporía a implantación deste novo servizo.
Desde a Deputación “lideramos” esta iniciativa co obxectivo de solucionar un “problema histórico de mobilidade para a cidade e a comarca de Ourense”, e tras varias reunións de traballo “podemos dicir que estamos dando avances sobre cuestións concretas que comezan a achegar solucións a esta situación”, salientou o presidente provincial.
Así mesmo, puxo de relevo “a vontade política” de todos os grupos para chegar a este acordo e trasladou o “compromiso firme” da Deputación de colaborar desde os ámbitos técnico e económico para dotar deste servizo á cidadanía ourensá.



