HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Corporación provincial dá o primeiro paso para a posta en marcha...

A Corporación provincial dá o primeiro paso para a posta en marcha do Plan CooperOU 2026, con 19 millóns para o financiamento de actuacións municipais 

- Anuncio -spot_img

No pleno celebrado hoxe acordouse aceptar o remate da asunción, por parte da Deputación, da prestación de servizos mínimos obrigatorios do Concello dos Blancos a partir do 14 de marzo, relacionados co abastecemento domiciliario de auga potable, saneamento, pavimentación de vías públicas e acceso a núcleos de poboación, iluminación pública e depuración de augas residuais

Por unanimidade aprobáronse propostas nas que se solicita ao Goberno central o remate da autovía A-56 (Ourense-Lugo); á Deputación un plan de choque fronte os danos ocasionados polos recentes temporais; e unha defensa do termalismo terapéutico como recurso sanitario estratéxico

O pleno da Deputación de Ourense, na sesión correspondente ao mes de febreiro, aprobou esta mañá de modo inicial e por unanimidade o plan provincial de cooperación de 2026, o Plan CooperOU, que contará con 19 millóns de euros (19.005.000). Un millón máis que con respecto ao pasado exercicio.

Agás o citado incremento, o Plan CooperOU 2026 non prevé cambios. Mantense a modificación realizada o pasado ano no referido aos investimentos, de tal xeito que os concellos terán máis flexibilidade á hora de xustificar o xa realizado en calquera proxecto e así evitar que perdan a achega provincial.

En liñas xerais, o programa de cooperación inclúe como criterio de repartición unha parte fixa segundo os habitantes de cada concello (ata 1.000, 5.000, 10.000 e 20.000), con cantidades que oscilan entre os 90.000 e os 120.000 euros, e unha parte variable en base á poboación (que conta nun 50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %).

Os concellos poderán destinar o 40 % da achega provincial, “como mínimo”, a investimentos reais, e o 60 % da aportación, como máximo, a gasto corrente ou amortización de débeda. Con carácter excepcional poderase dedicar o 100 % ao programa de gasto corrente e amortización de débeda nos supostos de insuficiencia financeira manifesta, así como incluír actuacións que teñan un importe superior aos fondos provinciais, sempre que o concello complemente o financiamento.

Na orde do día do pleno figuraba tamén o remate da asunción, por parte da Deputación, da prestación de servizos mínimos obrigatorios do Concello dos Blancos. En concreto, o acordo provincial establece que, con data de 14 de marzo deste ano, darase por finalizada a asunción pola Deputación dos servizos relacionados co abastecemento domiciliario de auga potable, saneamento, pavimentación de vías públicas e acceso a núcleos de poboación, iluminación pública e depuración de augas residuais. Isto supón que o Concello dos Blancos asumirá novamente o exercicio de todas as facultades de ordenación e xestión dos ditos servizos trala dispensa solicitada hai dous anos.

Asuntos de trámite y organización

Xunto coa actualización do inventario de bens e dereitos da Deputación, cun valor próximo a 1.871 millóns de euros, o pleno tamén aprobou inicialmente a ordenanza de recollida de animais abandonados, que inclúe unha modificación no proceso de liquidación das taxas polo uso deste servizo.

Salientar ademais que na sesión de hoxe tomaron posesión dos seus escanos como representantes na Corporación provincial as deputadas do grupo socialista Eva María Pérez Gamote e Susana Rodríguez Rodríguez.

Iniciativas sobre infraestruturas, danos por temporais e termalismo terapéutico

No capítulo de propostas, o pleno aprobou por unanimidade unha moción na que se reclama ao Goberno central o remate da autovía A-56 (Ourense-Lugo), descartando a súa conversión nun simple corredor, esixindo un calendario de execución de todos os tramos pendentes e a consignación nos orzamentos xerais do Estado das partidas necesarias para rematar a autovía no menor prazo posible.

Á Xunta de Galicia pídeselle unha defensa firme e activa desta infraestrutura, e á Deputación de Ourense que lidere unha fronte común cos concellos polos que discorre o trazado, promovendo reivindicacións conxuntas.

Unha segunda proposta, aprobada de novo por unanimidade, solicita á Deputación un plan de choque de inspección, reparación e acondicionamento das infraestruturas viarias provinciais afectadas polas recentes inundacións.

Pídese neste sentido que nas próximas modificacións orzamentarias inclúanse os recursos necesarios para este plan, destinando prioritariamente a maior partes deses fondos aos concellos para que no exercicio da súa autonomía municipal podan executar as obras necesarias. Ademais, e unha vez atendidas as infraestruturas provinciais afectadas, a Deputación porá a disposición dos concellos os medios técnicos precisos para avaliar e reparar os danos.

Por outra banda, á Consellería do Medio Rural solicítase unha liña urxente de axudas para os titulares de explotacións agrícolas e gandeiras afectadas, así como cofinanciamento a partes iguais entre Xunta de Galicia e o Estado para a reparación e conservación das pistas de concentración parcelaria.

De novo por unanimidade, a Corporación provincial deu o seu apoio a unha iniciativa máis, desta volta na defensa do termalismo terapéutico como recurso sanitario estratéxico. Así, proponse que a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) solicite ao Goberno de España a supresión do termo “balneario” e a referencia ao “uso de augas” do artigo 5.4 do Real Decreto sobre a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde, evitando a súa equiparación con actividades de ocio ou confort alleas á prestación sanitaria.

Tamén se pide á Xunta de Galicia que estude a inclusión progresiva das terapias balnearias na carteira complementaria de servizos da Comunidade Autónoma, unha vez que se modifique a normativa estatal.

Publicacións Relacionadas