Un novo escaparate para fomentar atractivos como a Vía da Prata entre os competidores, familiares e visitantes que chegan a Ourense, pretende acadar unha audiencia superior ás 50.000 persoas nun ano
O obxectivo é motivar aos deportistas, e ás súas familias e acompañantes, a explorar o conxunto da provincia a través dos seus recursos naturais, patrimoniais e gastronómicos e mesmo propiciar que regresen en período vacacional
Un expositor instalado no Paco Paz durante o Torneo Internacional de Ximnasia Rítmica foi o punto de partida desta nova acción divulgativa do turismo ourensán
A Deputación de Ourense, a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), inicia unha acción de divulgación dos recursos turísticos da provincia en eventos de alcance nacional e internacional. O XIII Torneo Internacional de Ximnasia Rítmica Ourense Termal, que reúne estes días no Pazo dos deportes “Paco Paz” a máis de 1.600 ximnastas de diversos países, marcou a posta en marcha dunha liña de promoción dos atractivos turísticos do territorio, co obxectivo de dar a coñecer a provincia entre visitantes nacionais e internacionais.
Un expositor do Inorde, no marco das súas competencias de promoción turística, recibiu durante estes días aos visitantes do Torneo Internacional de Ximnasia Rítmica, que remata mañá no Pazo dos Deportes e que está tendo unha gran acollida entre os visitantes.
No stand provincial instalado para este evento, a Vía da Prata é a protagonista, co fin de dar a coñecer este camiño xacobeo, do que un 50% dos peregrinos son estranxeiros. Ademais, o espazo tamén ofrece información global do territorio a través de mapas, guías e folletos dos diferentes xeodestinos, así como a proxección de vídeos.
Este punto informativo conta cun servizo de informador para asesorar aos visitantes na programación e deseño dos seus itinerarios turísticos.
O obxectivo é motivar aos deportistas, e ás súas familias e acompañantes, a explorar o conxunto da provincia a través dos seus recursos naturais, patrimoniais e gastronómicos e mesmo propiciar que regresen en período vacacional.
Aposta por converterse en sede de grandes eventos
A Deputación de Ourense realiza unha gran aposta por converter o territorio en sede de grandes eventos deportivos e culturais, e mediante esta liña de traballo optimízase a estratexia de poñer en valor toda a oferta turística en función das preferencias e demandas de cada un.
Este escaparate permitirá acadar unha audiencia superior ás 50.000 persoas nun ano, pois soamente neste primeiro torneo acoden ao Paco Paz 1.600 ximnastas, procedentes de países como España, Italia, Georgia, Portugal e Polonia, e acompañados por familiares e afeccionados.
Ademais do Paco Paz, poderán beneficiarse desta iniciativa durante eventos deportivos outras instalacións de relevancia para a provincia, como é o caso do Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño.