A Deputación, a través do Inorde, leva a pequenos produtores ourensáns ao Salón Gourmets para captar novas canles de comercialización

Redacción
Lectura mínima de 3

No marco da 39ª edición desta feira, darase a coñecer a calidade agroalimentaria da provincia a través dun showcooking e de dez coexpositores no stand de Ourense para exhibir os seus produtos gourmet desde 13 ao 16 de abril, en IFEMA

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, volverá a participar no Salón Gourmets para ofrecer unha plataforma de comercialización a pequenos produtores e microempresas da provincia. No marco da 39ª edición desta feira, darase a coñecer a calidade agroalimentaria da provincia a través dun showcooking e de dez micro empresas que estarán participando como coexpositores no stand de Ourense para exhibir os seus produtos gourmet, do 13 ao 16 de abril.

A participación da provincia nesta Feira de Alimentación e Bebidas de Calidade, de referencia para o sector, responde ao obxectivo do goberno provincial de promover accións que impulsen os produtos agroalimentarios que xeran valor engadido ao territorio, facilitándolles ademais aos pequenos produtores ourensáns novas plataformas de promoción e canles de comercialización.

As empresas que están como coexpositores no stand da provincia de Ourense en Salón Gourmets 2026, que estará ubicado no Pavillón 6 stand 6B30, pertencen a diferentes sectores agroalimentarios.

Nesta ocasión, os viños ourensáns volverán a ter un papel destacado da man das empresas: Adegas Celme de Castrelo de Miño coa súa mostra de viños e vermús ecolóxicos, Montebello Partnerw de Ourense con viños e destilados galegos, Vinos Siah da empresa Isabel Salgado Family Estate de Leiro, e Bodegas SGS Ourense (Dvagar) tamén de Leiro

No apartado doce estarán os xeados artesáns de La Central Heladera de Ourense, as galletas “Pitucas”  de Burgano Delicatessen de Ourense, ou as bicas de castaña da cooperativa Sofragal de Nogueira de Ramuín.

Por último, exporán as súas conservas e patés gourmet a empresa Mareterra Conservas de Esgos, as masas da empresa Crust and loaf (La Pinsa di Nico) de San Cristovo de Cea, e a Asociación Sabores de Trevinca da Veiga promocionará produtos locais como a faba loba, queixos e mel, entre outros.

Así mesmo, un ano máis, xunto co stand, está programada unha degustación baixo o título “Maridaxe gourmet: esencia da provincia de Ourense” que dará boa conta da calidade dos produtos e dos chefs da nosa provincia. O encargado será Paco Gómez chef e “mestre pulpeiro” especialista en gastronomía tradicional galega, en representación da Asociación de Amigos da Cociña Galega.

Salón Gourmets 2026

A Feira Internacional de Alimentación y Bebidas de Calidad espera sobrepasar as cifras do ano pasado, presentando máis de 55.000 produtos, dos cales máis de 1.500 serán novidades. Estiman unha cifra de 110.000 visitantes profesionais, máis de 15.000 compradores estranxeiros e xerarase un volume de negocio que superará os 250 millóns de euros.

Comparte este artigo