A institución provincial destina máis de 220.000 euros a esta iniciativa, que permitirá acceder ao turismo de saúde na súa dobre función de tempo de vacacións e tratamento sanitario
A Deputación de Pontevedra abre este luns, 19 de maio, o prazo para que os maiores de 55 anos poidan inscribirse en +Benestar, que oferta 2.127 prazas para desfrutar de estancias en balnearios, talasos ou spas da provincia. Este programa, impulsado pola institución provincial con máis de 220.000 euros, permitirá acceder ao turismo de saúde na súa dobre función de tempo de vacacións e tratamento sanitario. As persoas interesadas teñen de prazo ata o 6 de xuño para presentar as súas solicitudes e os detalles e requisitos da convocatoria poden consultarse nas bases do programa publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
+Benestar ofrece estancias de seis días e cinco noites (entrada os domingos e saída os venres) nun establecemento termal para estas máis de 2.100 persoas empadroadas na provincia que deben cumprir algún dos seguintes requisitos: ter 55 anos ou máis, ou, no caso de non chegar a esta idade, contar cunha discapacidade superior ao 65%, ser pensionistas ou ter acreditado un respiro familiar. Das 2.127 prazas ofertadas, 2.097 das prazas están subvencionadas con 100 € por parte da Deputación, e outras 30 resérvanse para persoas en risco de exclusión, cunha subvención de 400 € sobre o custo total.
En concreto, o programa desenvolverase en sete establecementos termais da provincia, situados en Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín (Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Balenario de Mondariz, Hotel Carlos I Silgar, Talaso Hotel Louxo La Toja, Hotel Spa Norat Torre do Deza, Hotel Spa Galatea e Hotel Nuevo Astur Spa) e os prezos oscilarán entre os 233 e os 325 euros. Ademais da estadía, o paquete comprende pensión completa (coas bebidas incluídas); o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, tres tratamentos complementarios de balde, programación sociocultural, e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.
Para levar a cabo +Benestar, a Deputación conta cun rexistro de 56 concellos adheridos para facilitar ás persoas a realización dos trámites e axudas. Este rexistro está aberto á incorporación de novos municipios. De feito no último ano integráronse na rede os concellos de Baiona e Ponteareas.