Os galardóns, dotados con 15.000 euros, distinguirán toda unha vida profesional no eido social, a traxectoria dunha entidade de iniciativa social e o mellor proxecto ou iniciativa polo seu impacto
Tralo anuncio efectuado o pasado venres polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, este luns o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica as bases dos I Premios Sociais provinciais, que buscan poñer en valor o traballo realizado na provincia a favor dos dereitos humanos e dos colectivos máis vulnerables, promovendo un maior benestar social das persoas, colectivos e comunidades. Estes galardóns, que repartirán 15.000 euros, distinguirán toda unha vida profesional no eido social, a traxectoria dunha entidade de iniciativa social e o mellor proxecto ou iniciativa polo seu impacto.
Os I Premios Sociais da Deputación de Pontevedra teñen como obxectivo destacar a importancia do traballo conxunto entre o sector público, privado e a sociedade civil na procura dun mundo mellor e como plataforma para crear conciencia sobre as necesidades e os desafíos aos que se enfrontan diversas comunidades. Deste xeito, os galardóns distribúense en tres modalidades: concederase un premio a toda unha vida profesional no eido social, dotado con 3.000 €; outro dirixido a unha entidade de iniciativa social pola súa traxectoria, dotado con 6.000 €, e, finalmente, o galardón ao mellor proxecto ou iniciativa polo seu impacto social, dotado tamén con 6.000 €.
En liñas xerais, os premios van dirixidos a persoas físicas ou xurídicas empadroadas na provincia de Pontevedra, non se concederán premios a título póstumo, e poderán presentar candidaturas tanto as propias persoas físicas ou xurídicas como persoas físicas profesionais do sector social, entidades do terceiro sector de acción social e outras entidades públicas ou privadas a favor de terceiras persoas. O prazo será dun mes, contado a partir deste martes 15 de outubro, e, xunto coa solicitude e en función da modalidade do premio, deberá presentarse unha memoria da traxectoria profesional, unha ficha da entidade proposta ou do proxecto proposto aos premios.

