As axudas, que se poden solicitar desde este luns ata o próximo 20 de agosto, buscan facilitar os desprazamentos, especialmente das persoas con discapacidade, aos seus adestramentos, competicións e outras actividades do seu ámbito
A Deputación de Pontevedra pon en marcha a partir deste luns 7 de xullo o prazo para que os clubs deportivos da provincia soliciten as axudas DepoVAN para adquirir ou adaptar furgonetas e outros vehículos. A liña está dotada de 300.000 euros e axudará a facilitar os desprazamentos, especialmente das persoas con discapacidade, aos seus adestramentos, competicións e calquera outra actividade do seu ámbito, así como ao traslado de materiais. O goberno provincial pon en marcha estas axudas tendo en conta as dificultades de moitos clubs para acceder a estes bens por cuestións económicas, na busca de fortalecer o tecido deportivo da provincia.
As axudas distribúense en tres ámbitos de actuación: deporte xeral, deporte náutico e deporte para persoas con discapacidade, cun reparto de 150.000 euros, 100.000 euros e 50.000 euros, respectivamente. No caso do deporte en xeral e do deporte náutico as axudas oscilan entre os 5.000 € como máximo para adquirir remolques, ata os 15.000 € para mercar vehículos de segunda man ou os 25.000 € para vehículos novos. Pola súa banda, os clubs que acrediten unha traxectoria mínima de dous anos na promoción ou práctica do deporte entre persoas con discapacidade beneficiaranse de ata 50.000 € distribuídos en 5.000 € como máximo para adquirir remolques, realizar traballos de adaptación de vehículos ou mercar aparellos para facilitar o traslado de deportistas con discapacidade; 15.000 € para mercar vehículos de segunda man e 25.000 e para adquirir vehículos novos.
A concesión das axudas realizarase polo procedemento de concorrencia competitiva en base a criterios como o número de licencias, o nivel de participación en competicións oficiais, o número de habitantes do concello ou se o club xa conta con outros vehículos. As bases xa están dispoñibles no BOPPO e as axudas poden solicitarse ata o 20 de agosto (unha soa solicitude por club).
DepoVAN responde ao compromiso institucional co desenvolvemento deportivo e á necesidade de garantir a igualdade de oportunidades no acceso e práctica deportiva, especialmente para aquelas persoas ou entidades que, polas súas circunstancias, requiren adaptacións específicas. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra busca mellorar as condicións de mobilidade e promover unha práctica deportiva segura, estruturada e accesible para todos os deportistas da provincia, con especial atención ás necesidades específicas das persoas con discapacidade.