Os recursos poden solicitarse ata o próximo 31 de outubro e teñen por fin a adquisición de equipos de protección, maquinaria, ferramentas de rescate e salvamento, mobiliario, equipos informáticos e de comunicación ou material de seguridade viaria e sanitario
A Deputación de Pontevedra acaba de activar a nova liña de axudas para as agrupacións de Protección Civil dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, dotada con 100.000 euros. Co obxectivo de que poidan seguir sendo punteiras e de referencia, a institución provincial abre ata o 31 de outubro o prazo para solicitar estas axudas que permitirá que estas agrupacións poidan mellorar e modernizar o seu material e os seus locais para que sigan á vangarda en formación e actuación.
En liñas xerais repartiranse entre 1.000 e 5.000 euros por cada agrupación para financiar os custos de adquisición de equipos de protección individual, maquinaria, ferramentas de rescate e salvamento, mobiliario para os locais das agrupacións, equipos informáticos, equipos de comunicación e dispositivos móbiles, material de seguridade viaria inventariable e, por último, material sanitario tamén inventariable.
As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta cuestións como o número de membros que forman parte da agrupación, o número de mobilizacións rexistradas no Sistema Integrado de Protección Civil ou a poboación e extensión do territorio. Ademais, en sensibilidade co reto demográfico, tamén se terá en conta a perda de poboación da entidade local da que dependan funcionalmente.



