Os clubs deportivos da provincia que participan en competicións de piragüismo, remo e vela teñen de prazo desde este venres ata o 5 de xuño para presentar as súas solicitudes
A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha a liña de axudas para os clubs náuticos da provincia de piragüismo, vela e remo neste 2025, dotadas con 550.000 euros, 50.000 euros máis que no 2024. Coa publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), os clubs teñen de prazo desde este venres e ata o 5 de xuño para presentar as súas solicitudes.
En concreto, estas achegas buscan apoiar aos clubs deportivos sen ánimo de lucro da provincia que participen en competición oficiais de calquera ámbito territorial no piragüismo, o remo e a vela. O obxectivo é reforzar a estrutura, consolidar a traxectoria e promover a continuidade da actividade destes clubs, referentes a do deporte galego e estatal. En canto ao reparto do orzamento, ao piragüismo destínanse 305.000 euros, 155.000 euros ao remo e 90.000 euros á vela.
Esta liña de axudas concederase en réxime de concorrencia competitiva, e cada club poderá recibir un máximo de 25.000 euros, sempre que non supere o 40% do orzamento presentado. Entre os gastos que poden subvencionar os clubs atópanse os gastos federativos, os de competición e adestramento, os de persoal, de material deportivo ou sanitarios.