HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación activa as axudas para clubs deportivos, anpas e asociacións veciñais...

A Deputación activa as axudas para clubs deportivos, anpas e asociacións veciñais por un importe de 643.000 euros

- Anuncio -spot_img

Con estes acordos da Xunta de Goberno, a institución provincial continúa avanzando nun modelo de acción provincial cun especial énfase no apoio ao deporte base e federado, no ámbito educativo e do asociacionismo veciñal

Tamén foi aprobado un expediente de expropiación forzosa necesario para mellorar o firme da estrada OU-5006 entre Velle e San Miguel do Campo

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar na súa sesión ordinaria celebrada este luns, 26 de xaneiro, varios asuntos de relevancia centrados no apoio ao tecido deportivo, educativo e veciñal da provincia, así como no impulso de actuacións de mellora da rede viaria provincial, tal e como informou o presidente provincial, Luis Menor, en rolda de prensa, trala Xunta de Goberno.

No ámbito do deporte, o goberno provincial deu luz verde ás bases reguladoras da convocatoria de subvencións destinadas a clubs deportivos da provincia para o ano 2026, cun orzamento global de 550.000 euros. Trátase dunha liña de apoio estratéxica para contribuír ao financiamento dos gastos derivados da participación dos clubs en competicións oficiais durante a tempada 2025-2026, reforzando así o papel do deporte como motor social e de promoción de hábitos saudables en todo o territorio. O prazo improrrogable de presentación iniciarase a partir da publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o 27 de febreiro de 2026, sendo este o derradeiro día no que poderán presentarse validamente as solicitudes.

A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases da convocatoria de axudas dirixidas ás asociacións de nais e pais de alumnos e alumnas (ANPAS) de centros educativos da provincia, cun importe total de 50.000 euros. Estas subvencións teñen como obxectivo apoiar o desenvolvemento de actividades educativas, culturais, deportivas ou de conciliación durante o curso escolar 2025-2026, contribuíndo á mellora da calidade educativa e á dinamización da comunidade escolar. O prazo improrrogable de presentación iniciarase a partir da publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o 2 de marzo de 2026, sendo este o derradeiro día no que poderán presentarse validamente as solicitudes.

Outro dos acordos adoptados foi a aprobación das bases reguladoras das subvencións para gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociacións veciñais de Ourense, correspondentes ao exercicio 2026, cunha dotación de 43.000 euros. Con esta convocatoria, a Deputación reafirma o seu compromiso co movemento veciñal como canle de participación cidadá e como axente clave na promoción de iniciativas sociais, culturais e ambientais nos concellos da provincia. O prazo improrrogable de presentación iniciarase a partir da publicación, pola Base de Datos Nacional de Subvencións, do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP), e rematará o 10 de marzo de 2026, sendo este o derradeiro día no que poderán presentarse validamente as solicitudes.

No apartado de infraestruturas, a Xunta de Goberno abordou o expediente de expropiación forzosa necesario para a execución das obras de “Reforzo de firme na OU-0506 Velle (C-536) – San Miguel do Campo (OU-0508), fase II”, no concello do Pereiro de Aguiar. Esta actuación permitirá avanzar na mellora da seguridade viaria e das condicións de circulación nesta estrada provincial.

“Con estes acordos, a Deputación de Ourense continúa avanzando nun modelo de acción provincial cun especial énfase no apoio ao deporte base e federado, ao ámbito educativo, ao asociacionismo veciñal e na mellora das infraestruturas como pezas clave para o desenvolvemento equilibrado da provincia”, concluiu o presidente provincial.

Publicacións Relacionadas