A Xunta de Goberno tamén aprobou a concesión de 566.615,04 euros en axudas destinadas a 12 propostas de concellos e entidades co obxecto de financiar proxectos de infraestruturas e iniciativas sociais, patrimoniais ou de emprego
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta maña no Pazo Provincial baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a adhesión da administración provincial á declaración institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) con motivo do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, que se celebra este venres, 25 de novembro.
A Xunta de Goberno tamén aprobou a concesión de 566.615,04 euros en axudas con destino a 12 iniciativas propostas por concellos e entidades da provincia co obxecto de financiar proxectos en infraestruturas e iniciativas sociais, culturais, turísticas e deportivas.
A cooperación coas entidades locais é o capítulo que reúne a maior contía das achegas, con 343.684,41 euros. En detalle, na orde do día figuraba unha subvención de 36.000 euros a favor do Concello de Bande para a mellora da infraestrutura de depuración en Recarei; unha achega de 21.884,41 euros a favor do Concello de Cortegada destinada á infraestrutura viaria de acceso ao parque empresarial do municipio; unha subvención de 40.000 euros a favor do Concello de Cualedro para executar as obras de mellora do acceso ao espazo adicado á práctica do parapente; unha achega de 48.000 euros destinada ao Concello de Esgos para asfaltados en Tarreirigo, Meiroás e Touza; unha subvención de 150.000 euros a favor do Concello de Quintela de Leirado para a humanización e melloras bioclimáticas en rúas de San Pedro de Leirado; e o Concello de San Cristovo de Cea recibirá unha achega de 47.800 euros para obras de pavimentación en Viña.
Polo que se refire á colaboración coas entidades, a Xunta de Goberno concedeu 222.930,63 euros destinados a 6 proxectos. En concreto, deu luz verde a unha axuda de 48.000 euros destinada á Asociación de Veciños Cultural e Recreativa O Fragoso de Vide para a reforma do seu local social; unha achega de 80.000 euros a favor da Fundación Hospital Asilo Nosa Señora dos Anxos para gastos de funcionamento; unha axuda de 5.000 euros a favor da Asociación Bearicense Daniel Prado Lamas para gastos de funcionamento; a Confederación Empresarial de Ourense recibirá unha axuda de 45.000 euros destinada ao convenio Reactíva-t; e a Diócese de Ourense contará con dous axudas, dun total de 44.930,63 euros, para o retablo maior da igrexa de San Antonio de Feás, en Boborás, e para a rehabilitación da cuberta da igrexa de San Salvador de Sande, en Cartelle.
A Xunta de Goberno tamén fixou os prezos para a entrada ao parque de atraccións Pazolandia, que serán de 5 euros para o público en xeral e 4 euros para as persoas que accedan en viaxes promovidas polos concellos da provincia.
Declaración institucional contra a violencia de xénero
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a adhesión á declaración institucional da FEMP polo 25-N, que sinala a necesidade de “seguir traballando na ruptura do silencio, a sensibilización e concienciación á cidadanía do problema estrutural da sociedade que supón a violencia machista” e insta a “impulsar a formación dos axentes implicados para garantir unha resposta especializada e integral ás vítimas” e a “mellorar a coordinación continua entre os diversos axentes sociais implicados na violencia contra as mulleres: debemos mellorar a resposta institucional a todos os niveis, evitando o risco de victimización secundaria e mellorando a confianza das vítimas”.
A declaración demanda o uso de “todos os recursos necesarios na asistencia, axuda e protección das vítimas, os seus fillos e fillas” e prantexa a necesidade de impulsar “o debate social para que o público deixe de ser privado. Porque os concellos somos a maioría das veces o primeiro recurso e, en ocasións, o único do que dispoñen as mulleres en procura de reparo e denuncia da violencia que sofren”.



