HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación adxudica as preto de 3.000 prazas para participar no programa...

A Deputación adxudica as preto de 3.000 prazas para participar no programa Lecer en Familia e abre o prazo para presentar candidaturas aos II Premios Sociais

- Anuncio -spot_img

A institución provincial acaba de publicar a relación das 2.954 persoas de 50 concellos que participarán na segunda edición deste programa provincial, dotado con 280.000 € para que os fogares con menores da provincia gocen de estancias e actividades socioculturais

Os II Premios Sociais repartirán ata 15.000 euros ás mellores iniciativas e proxectos no ámbito social e a toda unha vida dedicada aos demais. O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 22 de novembro

A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar as 2.954 prazas para participar no programa provincial Lecer en Familia. No marco desta iniciativa da área de Benestar Social da institución provincial, tal e como recordou o presidente provincial Luis López, a Deputación financia estancias de fin de semana en establecementos hoteleiros da provincia das que poden gozar familias con menores ao seu cargo e que residan na provincia de Pontevedra. As saídas realizaranse no último trimestre do ano ou no primeiro trimestre de 2026.

“Foi todo un éxito”, asegurou o presidente, quen asegurou que ás preto de 3.000 persoas que participarán en Lecer en Familia súmanselle outras preto de 4.400 que pasan a formar parte dunha lista de agarda. Os participantes que se beneficiarán deste programa provincial son veciños de 50 concellos da provincia: Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo – Cotobade, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, O Grove, A Guardia, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz- Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Lecer en Familia busca reforzar os lazos familiares nun ambiente de convivencia en 12 establecementos de 7 concellos da provincia (Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Lalín, Baiona e Moaña) entre os que se inclúen spas, balneario, talasos e hoteis tanto de zonas rurais como urbanas. A estadía complétase coa oferta de actividades socioculturais (cunha ampla variedade a escoller asociada a cada establecemento) ou o acceso aos seus circuítos termais. Ademais de potenciar a calidade de vida as familias, o programa tamén busca potenciar o sector turístico da provincia de Pontevedra.

II Premios Sociais da Deputación de Pontevedra

Tamén anunciou o presidente a apertura do prazo de presentación de candidaturas, ata o 22 de novembro, para optar aos II Premios Sociais, que repartirán ata 15.000 euros ás mellores iniciativas e proxectos no ámbito social e a toda unha vida dedicada aos demais. Unha iniciativa coa que, segundo informou o presidente, “queremos recoñecer e premiar o traballo de persoas, organizacións e entidades que destacan pola defensa dos dereitos humanos, a loita contra a discriminación e o apoio aos colectivos máis vulnerables, así como a aqueles que dedican o seu tempo, coñecemento e habilidades ao benestar da provincia, visibilizando, o papel de entidades do terceiro sector na construción dunha sociedade máis xusta, solidaria e inclusiva”.

En liñas xerais haberá tres modalidades de premios: o premio a toda unha vida profesional no eido social, dotado con 3.000 euros; o premio a entidades de iniciativa social pola súa traxectoria, dotado con 6.000 € en tres categorías de 3.000 € (primeiro premio), 2.000 € (segundo premio) e 1.000 € (terceiro premio); e o premio a proxectos ou iniciativas polo seu impacto social, dotado tamén con 6.000 € e tres categorías de 3.000 €, 2.000 € e 1.000 € para o primeiro, segundo e terceiro premio respectivamente.

O pasado ano foron premiados Xosé Carlos González Blanco, por toda unha vida profesional no eido social como coordinador da Asociación San Xerome Emiliani; o proxecto de avaliación e seguimento do envellecemento das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual da Federación Down Galicia; e a Asociación Española Contra o Cancro.

Publicacións Relacionadas