HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación apoia este ano as cooperativas agrogandeiras cunha liña de axudas...

A Deputación apoia este ano as cooperativas agrogandeiras cunha liña de axudas dotada de 350.000 euros, un 40% máis que no 2024

- Anuncio -spot_img

O deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, xunta coa deputada de Infraestruturas Públicas, Belén Cachafeiro, mantivo un encontro na Cooperativa Agrícola de Forcarei coas entidades beneficiarias destas axudas, cuxo reparto se aprobará este venres na Xunta de Goberno

O deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, xunto coa deputada de Infraestruturas Públicas, Belén Cachafeiro, mantivo este xoves un encontro na Cooperativa Agrícola de Forcarei coas entidades que se beneficiarán das axudas da Deputación de Pontevedra ás cooperativas agrogandeiras da provincia, dotadas de 350.000 euros. En total beneficiaranse destas axudas, cuxo reparto se aprobará este venres na Xunta de Goberno, 12 entidades de sete concellos da provincia. O reparto da convocatoria deste ano supón un incremento de 100.000 euros e dun 40% respecto ao que recibiron na convocatoria anterior da mesma liña de axudas.

Marcos Guisasola lembrou que “as cooperativas agrogandeiras sodes fundamentais para o desenvolvemento económico da nosa provincia, un motor de emprego e economía singular, do que dependen tantos fogares no noso interior e, moi especialmente, no ‘quilómetro cero’ de Deza e Tabeirós-Terra de Montes”. Grazas ás achegas da Deputación, as 12 cooperativas beneficiarias poderán facer fronte a investimentos como a adquisición de parcelas, de vehículos, de maquinaria e de equipos e sistemas informáticos, e tamén para a realización de obras nos vosos locais.

Recibirán os recursos da Deputación que se aprobarán este venres agrupacións dos concellos de Cambados, Forcarei, Lalín, Meaño, Pontevedra, Rodeiro e O Rosal, con achegas que oscilarán entre os 6.000 e os 45.000 euros, o máximo marcado polas bases. “Somos un goberno comprometido coas nosas cooperativas, e por iso estamos a manter e imos seguir mantendo un constante diálogo con vós”, asegurou o deputado provincial, do mesmo xeito que “seguiremos impulsando medidas que vos permitan avanzar, porque queremos que ese apoio que representa a Deputación sexa algo sólido e inamovible, algo co que saibades sempre que ides contar”.

O obxecto das axudas é impulsar a comercialización, a transformación e a valorización das producións agrogandeiras, a formación técnica e o asesoramento para desenvolver proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, o uso das novas tecnoloxías, das enerxías renovables e o aforro enerxético e tamén financiar investimentos para mellorar os servizos que prestan as cooperativas.

Publicacións Relacionadas