O presidente recibiu no Pazo Provincial ao novo alcalde, José Antonio Blanco, que tomou posesión este mes de xuño
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu no Pazo Provincial ao novo alcalde de Esgos, José Antonio Blanco, que tomou posesión no cargo este mes de xuño. A reunión serviu para abordar liñas de actuación e cooperación en materia de obras, deporte e servizos sociais.
Menor destacou a aportación de 1,1 millóns de euros prevista no actual mandato para o concello de Esgos, cantidade que permitirá financiar melloras clave en vías municipais, a reforma do campo de fútbol de Rocas ou as axudas para rehabilitación de vivenda destinada a aluguer social.
“Felicitamos e apoiamos a aposta do Goberno local polo aluguer social, tendo en conta a demanda intensa de vivenda e as posibilidades de que a poboación non só se asente, senón que aumente”, apuntou o presidente.
Pola súa banda, o alcalde José Antonio Blanco agradeceu a cooperación da Deputación para as liñas de actuación e mellora previstas no seu concello, destacando o “apoio continuo” recibido pola institución ourensá.