A institución provincial destinará 1,18 M € para sufragar a prestación do Servizo de Axuda no Fogar e os custos do persoal dos servizos sociais comunitarios, e 250.000 € para que os concellos poidan atender á cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar achegas por valor de 1,4 M de € para facer fronte a políticas sociais na totalidade dos concellos de menos de 20.000 habitantes da contorna de Vigo e do sur da provincia. Os recursos enmárcanse no Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais e nas Axudas Básicas de Emerxencia para 2024, que contan cun orzamento global de 3,6 millóns de euros, do que deu conta o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, en conferencia de prensa.
En concreto, no relativo á primeira convocatoria, centrada nos Servizos Sociais Comunitarios, a Deputación aproba 1,18 millóns de euros para estes concellos. Destes recursos, 454.059 euros estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato, e 724.743 euros a cubrir os custos do persoal dos Servizos Comunitarios. En concreto, A Cañiza recibe 65.140 euros, A Guarda 74.581 €, Arbo 15.960 €, As Neves 44.090 €, Baiona 66.329 €, Covelo 41.854 €, Crecente 38.385 €, Fornelos de Montes 22.627 €, Gondomar 71.597 €, Mondariz 70.150 €, Mondariz-Balneario 23.964 €, Mos 102.173 €, Nigrán 102.423 €, O Rosal 41.219 €, Oia 12.020 €, Pazos de Borbén 31.451 €, Salceda de Caselas 77.630 €, Salvaterra de Miño 64.258 €, Soutomaior 37.980 €, Tomiño 73.757 € e Tui 101.209 €.
No que respecta á segunda liña de subvencións aprobada, as Axudas Básicas de Emerxencia (ABE), o Goberno provincial aprobou 256.550 euros, para que os concellos da contorna de Vigo e do sur da provincia poidan atender ás demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Neste caso, A Cañiza benefíciase de 13.800 €, A Guarda de 13.300 €, Arbo 12.300 €, As Neves 10.800 €, Baiona 12.800 €, Covelo 12.300 €, Crecente 12.300 €, Fornelos de Montes 12.300 €, Gondomar 12.800 €, Mondariz 10.800 €, Mondariz-Balneario 9.300 €, Mos 13.800 €, Nigrán 13.800 €, O Rosal 11.800 €, Oia 9.300 €, Pazos de Borbén 10.800 €, Salceda de Caselas 11.800 €, Salvaterra de Miño 13.300 €, Soutomaior 11.800 €, Tomiño 13.300 € e Tui 14.050 €.
As Axudas Básicas de Emerxencia destinaranse a alimentación, vivenda subministros básicos, produtos e servizos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, á adquisición de electrodomésticos básicos, pagamento de desprazamentos, pagamento da reparación e mantemento de vehículos, pagamento de lentes, lentes de contacto e audiófonos, pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio, atencións de carácter complementario e axudas para adquisición de roupa e calzado, de estudo e de apoio á infancia.