Trátanse de recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros, o dobre que na súa primeira edición, para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega de 150.030 euros do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que o Concello de Bueu afronte a reforma enerxética e a rehabilitación do pavillón de Beluso. Como explicou o presidente da institución provincial, Luis López, “cos 8 millóns de euros deste plan, o dobre que na pasada edición, estamos a reforzar, como nunca antes se fixera, a colaboración cos concellos para modernizar os equipamentos deportivos“.
En concreto, con estes fondos o Concello poderá solucionar diversas deficiencias que presenta este edificio, entre as que se atopan filtracións a través da cuberta e na pista deportiva, humidades na zona dos vestiarios e diferentes eivas en materia de accesibilidade, habitabilidade e seguridade, da iluminación, das instalacións térmicas ou con respecto á súa sostibilidade ambiental, entre outras.
Desta maneira, a través das obras a realizar con esta achega do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, mellorarase a envolvente térmica do edificio, melloraranse as instalacións térmicas e lumínicas, a sostibilidade ou, entre outras, a accesibilidade, coa incorporación de novos servizos e vestiarios accesibles, nova sinalización ou unha praza de aparcamento accesible. Tamén se procederá a mellorar a protección fronte á humidade, incorporaranse novos sistemas de ventilación e dotarase á instalación de melloras en materia de seguridade. Ademais, dotarase ao pavillón dunha nova pista de xogo que permita albergar competicións de carácter oficial.