“Estamos a falar dun polígono empresarial de éxito, que é todo un referente nesta provincia pola súa situación estratéxica e que se ten convertido xa nun dos grandes polos económicos de Galicia”, asegurou o presidente provincial Luis López
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a constitución dun dereito de superficie con opción de compra de dúas parcelas no Polígono de Barro, cun prazo de vixencia de cinco anos e por valor de preto de 15.000 €. Deste xeito, ocupará as parcelas A-27 e A-28 Comercial Valquin SL e con ela son xa 29 as empresas instaladas, cunha ocupación de máis do 86% e con soamente 10 parcelas dispoñibles.
“Estamos a falar –asegurou o presidente provincial Luis López- dun polígono empresarial de éxito, que é todo un referente nesta provincia pola súa situación estratéxica, a pouco máis de 10 minutos en coche de Pontevedra, 15 de Sanxenxo, 40 de Vigo ou 45 de Santiago de Compostela, e que se ten convertido nun dos grandes polos económicos de Galicia”. Para o presidente da Deputación “é fundamental que este eixo estratéxico de emprego, economía e riqueza se sitúe aquí, na provincia de Pontevedra e por iso seguiremos traballando para dinamizar o Polígono de Barro, para que as empresas se sigan asentando na nosa terra e, deste xeito, sigamos sumando oportunidades de emprego para a nosa veciñanza”.
Nestes momentos sitúanse no Polígono de Barro un total de 29 empresas: Hijos de Rivera, Froiz, Autocares Novas Rías, Mariscos Alumar, Estación de Servicio Low Cost, TC Group Atlántico, M&G Técnicos Servicios Globales Logísticos; Aricur, Balvalen, José Benito González Villaverde, Rafael Díaz Buceta, Frutas Moncho, Transfrío Rías Baixas, Acuña, Mafari Café, Docer, Tecfrisa, Gescogra, Gasóleos Rías Baixas, Carpas Pontevedra, EDF Solar, CAENOR, Bespi Inversiones, Gestión de recursos y maquinaria, Prosol Energía, Artesa Rías Baixas y Distribuciones Maroño e Hijos, Hierro y Metales Carballeda e Comercial Valquin. Tamén teñen espazo no Polígono instalacións da Deputación de Pontevedra como o Viveiro de Empresas, o Centro de Apoio Empresarial ou o Parque de Maquinaria.