“Trátase dunha liña de axudas fundamental para nós, xa que permite promover a integración laboral das persoas con discapacidade e facilitar a súa inserción no mercado de traballo”, remarcou o presidente provincial Luis López
O programa vai dirixido a financiar os custos de persoal das unidades de apoio á actividade dos Centros Especiais do Emprego e o pasado ano beneficiou a entidades da Guarda, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Vigo e Vilagarcía de Arousa
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno as bases reguladoras e a convocatoria do programa +Emprega en Centros Especiais de Emprego, dotada con 67.000 €, un 22% máis que o pasado ano. Este programa, tal e como remarcou o presidente do organismo provincial Luis López, “trátase dunha liña de axudas fundamental para nós, xa que permite promover a integración laboral das persoas con discapacidade e facilitar a súa inserción no mercado de traballo” .
Luis López recordou que esta liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, achegará ata un máximo de 15.000 euros por entidade solicitante e que cos recursos da Deputación poderanse subvencionar os custos salariais das unidades de apoio dos Centros Especiais de Emprego e do persoal que desenvolva accións de coordinación ou de dirección.
O pasado ano beneficiáronse de 55.000 destas achegas sete entidades pertencentes aos concellos da Guarda (San Jerónimo Emiliani), Nigrán (Juan María Empleo SL), Pontevedra (Asociación de Discapacitados Intelectuais Virgen de la O e Juan XXIII), O Porriño (Lume Emprego), Vigo (Grupo Sifu Galicia) e Vilagarcía de Arousa (BATA) que se beneficiaron de 55.000 euros desta liña de axudas provincial.