“Temos un patrimonio único no mundo e aquí estamos, dando resposta aos colectivos, con liñas de axudas encamiñadas a conservar algo que tanto nos identifica e tanto fala de nós como pobo”, subliñou o presidente provincial Luis López
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases das axudas dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a recuperación e a posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia, dotadas con 90.000 €. “Temos un patrimonio único no mundo –subliñou o presidente provincial Luis López- e aquí estamos, dando resposta aos colectivos, con liñas de axudas encamiñadas a conservar algo que tanto nos identifica e tanto fala de nós como pobo”.
López, que recordou que “no pasado Pleno o BNG demandaba que había que sacar adiante esta liña de axudas pese a saber que xa estaba avanzado o procedemento e ían ir a trámite nesta Xunta de Goberno”, informou que as achegas están distribuídas en tres liñas: a primeira, para traballos de rehabilitación de embarcacións tradicionais; a segunda, para aparellos de pesca e elementos vinculados coa cultura marítimo-fluvial; e a terceira, para construcións e instalacións en terra.
Como máximo concederanse 10.000 € para cada actuación de recuperación e posta en valor dos bens que integran o patrimonio marítimo-fluvial na provincia, sempre que non se exceda o 80% do seu orzamento. E o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.



