“Avanzamos no reparto de fondos do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos preto de 41,2 millóns de euros neste 2025”, subliñou o presidente Luis López
Cos recursos aprobados esta semana Gondomar reformará o cruce da Avenida Conde de Gondomar coa rúa do Emigrante e Campo Lameiro afrontará gasto corrente
A Deputación de Pontevedra continúa aprobando recursos para os concellos ao abeiro do Plan +Provincia. Neste caso, a Xunta de Goberno acaba de dar luz verde a 174.000 euros para que o concello de Gondomar impulse un novo investimento e o concello de Campo Lameiro afronte gasto corrente. “Avanzamos no reparto de fondos do +Provincia –subliñou o presidente Luis López-, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos preto de 41,2 millóns de euros neste 2025 entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia”.
Gondomar recibirá máis de 93.000 euros procedentes da liña 1, de investimentos, do +Provincia para financiar integramente o cruce da Avenida Conde de Gondomar coa rúa Emigrante, onde se creará unha plataforma única para mellorar a accesibilidade e mobilidade peonil e recuperará, deste xeito, espazo urbano para as persoas.
Pola súa banda, Campo Lameiro beneficiarase de preto de 81.000 euros da liña 2, de gasto corrente, para facer fronte ao pagamento de diversos servizos municipais como o canon de tratamento de residuos domésticos, o desbroce e a limpeza da parroquia de Fragas, a xestión do ximnasio municipal ou o desbroce, podado de vexetación, mantemento de superficies e retirada de residuos na ruta dos Maneses, a senda dos pescadores e a vía mariana.