“Avanzamos no reparto de fondos do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos preto de 42 millóns de euros neste 2025”, subliñou o presidente Luis López
Cos recursos aprobados esta semana Cuntis financiará integramente o proxecto para as piscinas municipais descubertas e o edificio polivalente, cun investimento de preto de 653.000 euros
Rodeiro destinará 464.000 euros á reparación e pavimentación de camiños municipais en Santa Baia, Fafián, San Salvador, Negrelos e O Az
A Deputación de Pontevedra continúa aprobando recursos para os concellos ao abeiro do Plan +Provincia. Neste caso, a Xunta de Goberno acaba de dar luz verde a 617.000 euros para que os concellos de Cuntis e Rodeiro impulsen novos investimentos ao abeiro da liña 1 deste programa provincial. “Avanzamos no reparto de fondos do +Provincia –subliñou o presidente Luis López-, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos preto de 42 millóns de euros neste 2025 entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia”.
Cuntis recibirá preto de 153.000 euros da liña 1 para completar os recursos para impulsar o proxecto das piscinas municipais descubertas e para o edificio polivalente. Trátase dunha actuación que ascende a 653.000 euros e será financiada, tal e como explicou Luis López, integramente pola Deputación de Pontevedra, con 500.000 euros do Plan Extra aos que se suman os 153.000 euros do +Provincia aprobados nesta Xunta de Goberno.
Pola súa banda, Rodeiro beneficiarase de 464.000 euros para a reparación, mellora e pavimentación de camiños municipais nas parroquias de Santa Baia, Fafián, San Salvador, Negrelos e O Az. Uns recursos que, tal e como anunciou o presidente na visita que realizou esta semana á localidade, chegarán aos 500.000 euros coas actuacións que tamén desenvolverá o concello con recursos provinciais en San Xoán de Camba e A Portela.