O vicepresidente Rafa Domínguez anunciou a posta en marcha deste investimento, que inclúe a adecuación das marxes, a mellora da drenaxe ou a instalación de redutores físicos de velocidade
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, informou este venres da aprobación na Xunta de Goberno provincial do proxecto de execución das obras de mellora da seguridade viaria en catro estradas provinciais situadas en Campo Lameiro, por valor de 605.000 euros. En concreto, o proxecto inclúe actuacións que afectan a estas catro infraestruturas: EP-8301 O Couso-Armonda, EP-8302 O Couso-Agueiros, EP-8303 Igrexa de Fragas e EP-8304 Moimenta-Armonda.
O vicepresidente lembrou que se trata “dun proxecto no que os equipos técnicos da Deputación e o Concello levan moito tempo traballando man a man”, cun prazo de execución de seis meses, e inclúe cuestións como a adecuación das marxes das estradas mediante a reapertura de cunetas e perfilado de noiros.
Ademais, no marco destas obras tamén se procederá á mellora da drenaxe mediante a instalación de colectores soterrados para a condución das augas, arquetas, sumidoiros e pozos. Do mesmo xeito, os traballos inclúen a disposición de novas barreiras de seguridade, a execución de novas cunetas remontables en formigón e a mellora da sinalización. Concretamente na EP-8303 procederase á realización de dous redutores físicos de velocidade, e na contorna da igrexa de Fragas farase unha reposición do firme.