En cooperación cos concellos aprobáronse cinco achegas por un importe de 241.060 euros para melloras en redes de abastecemento, vivendas sociais, rehabilitación de inmobles, iluminación pública e cofinanciamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na sesión celebrada esta mañá un total de 308.770 euros en axudas para a cooperación con concellos e para a Asociación para o Desenvolvemento Sostible Medio Rural, Reserva da Biosfera.
Así, en cooperación cos concellos e entidades supramunicipais aprobáronse cinco achegas por un importe total de 241.060 euros, cantidade que se destinará a melloras en redes de abastecemento, vivendas sociais, rehabilitación de inmobles, iluminación pública e cofinanciamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Ademais, concedeuse unha subvención de 67.710 euros a favor da Asociación para o Desenvolvemento Sostible Medio Rural, Reserva da Biosfera, para conservación da biosfera terrestre e mariña no plan de recuperación, transformación e resiliencia, correspondente aos exercicios 2022 e 2023.