O presidente provincial interesouse polas acreditacións que ofrece AENOR, referente en xestión da calidade de obxectivos sociais como a igualdade
O obxectivo é certificar o compromiso da Deputación coa prestación de servizos ás persoas maiores, e, de maneira máis concreta, de xeito inclusivo ao utilizar a administración electrónica na área de Benestar
A Deputación de Ourense aspira a ser a primeira administración provincial de España en “certificar” o seu compromiso coas persoas maiores, a través de AENOR. O presidente provincial, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo con José Enrique Rodríguez Coello, director desta entidade global en Galicia, que ofrece servizos de avaliación de conformidade (certificación, inspección e ensaios) e enfoques que avalían ata que punto unha corporación traballa en nome de obxectivos sociais.
Neste sentido, AERNOR conta cunha sólida experiencia en diferentes áreas, entre elas a xestión da calidade, e aqueles campos vinculados aos chamados criterios ESG, entre os que está a igualdade.
O motivo da reunión de traballo de Menor e Rodríguez Coello foi o interese do máximo responsable da entidade provincial na posibilidade de certificar o compromiso da Deputación de Ourense en ámbitos relacionados coa igualdade e a diversidade. AENOR ofrece aos organismos públicos ferramentas de certificación que permiten avaliar e demostrar o seu compromiso con estes valores.
Neste marco e dada a realidade sociodemográfica da provincia, o primeiro ámbito no que Menor amosou interese para lograr unha certificación de AENOR é o compromiso da Deputación coa prestación de servizos ás persoas maiores, e, de maneira máis concreta, de xeito inclusivo ao utilizar a administración electrónica na área de Benestar.
A atención inclusiva ás persoas maiores
A Deputación está interesada na certificación “Compromiso coas persoas maiores” de AENOR. Trátase dunha metodoloxía baseada nas accións que cada organización decide levar a cabo para prestar servizos de maneira accesible e igualitaria para as persoas maiores. Desta maneira, visibiliza e impulsa a importancia de contar con servizos inclusivos, onde “non se deixe a ninguén atrás”, lema da Axenda 2030 e os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
A Deputación de Ourense , a través da súa Área de Benestar, aspira a ser a primeira administración provincial de España que certifique o seu compromiso coas persoas maiores en atención aos programas e servizos que presta, pero sobre todo en como os presta a través de administración electrónica accesible e igualitaria.
Así, trala reunión de traballo, o presidente provincial amosouse “moi optimista” no obxectivo de certificar o traballo da Deputación de Ourense coas persoas maiores, especialmente a través da atención dixitalizada.