O goberno provincial vén de aprobar as bases reguladoras da convocatoria para a concesión de subvencións a clubs deportivos de Ourense para o ano 2025, dotadas con 550.000 euros, e aumentando en 200.000 euros a cantidade destinada nos últimos anos
O presidente provincial, Luis Menor, recalca que con este esforzo da Deputación “atendemos unha vella reivindicación dos clubs da provincia”, tendo en conta que estas asignacións están adicadas a axudar nos seus gastos de funcionamento”
O prazo improrrogable de presentación iniciarase a partir da publicación da convocatoria regulada nestas bases na Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o 21 de abril de 2025, sendo este o derradeiro día no que poderán presentarse validamente as solicitudes
Ourense, 11 de marzo de 2025.
As subvencións que anualmente concede a Deputación aos clubs deportivos incrementa neste ano a súa contía nun 36,4%, superando o medio millón de euros de orzamento (550.000 euros), tendo en conta que nos pasados exercicios a contía foi de 350.000 euros.
Con este esforzo da Deputación, o presidente provincial, Luis Menor, recalca que “atendemos unha vella reivindicación dos clubs da provincia”, tendo en conta que esta liña de axudas está orientada a axudar nos gastos de funcionamento destas entidades deportivas e que pode servir de acicate para aumentar o seu nivel competitivo. De feito, segundo os cálculos estimados pola institución provincial, neste ano prevese que os clubs beneficiarios destas axudas superen o centenar, prácticamente todos os que están inscritos na provincia.
Segundo as bases reguladoras, a concesión de subvencións a clubs deportivos de Ourense para o ano 2025 será mediante convocatoria pública e a través do procedemento de concorrencia competitiva, coa finalidade de financiar parcialmente os gastos derivados da súa participación na competición deportiva durante a temporada 2024-2025.
Poderán ser beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases os clubs deportivos que reúnan os seguintes requisitos: estar inscritos nos rexistros deportivos correspondentes da Xunta de Galicia; ter o seu domicilio social na provincia de Ourense; participar, na temporada 2024/2025 en competicións oficiais, calquera que sexa o seu ámbito, convocadas polas súas respectivas federacións; posuír, polo menos, un equipo de base acreditado, é dicir, inferior á categoría sénior ou absoluta, cun mínimo de dez licenzas federativas. Para os clubs que compitan en disciplinas individuais establécese, así mesmo, como requisito básico, posuír un mínimo de dez licenzas federativas de deportistas de base en competición.
Por outra banda, non poderán ser beneficiarios os clubs que só participen en ligas ou competicións locais ou comarcais, ou exclusivamente no deporte escolar ou ligas de empresas.
O prazo improrrogable de presentación iniciarase a partir da publicación da convocatoria regulada nestas bases na Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o 21 de abril de 2025, sendo este o derradeiro día no que poderán presentarse validamente as solicitudes.