Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Auga, a institución provincial destaca o importante avance desta iniciativa, impulsada xunto con AquaOurense, que acadou xa o 97% das contratacións previstas e presenta un alto nivel de execución técnica en todo o territorio
Ata o momento instaláronse máis de 58.000 contadores intelixentes -o 87% do total previsto- en 74 concellos. Ademais, medio cento de municipios están xa integrados nun sistema de monitorización que permite coñecer en tempo real o estado das redes de abastecemento e depuración
A iniciativa, cun investimento superior aos 13,5 millóns de euros (máis IVE), prevé estar plenamente operativa no segundo semestre de 2026 e sitúa a Ourense como un dos territorios máis adiantados na dixitalización do ciclo da auga en España
O presidente provincial, Luis Menor, subliña que “OU-Intelixente non é só un proxecto tecnolóxico, senón unha aposta clara por unha xestión máis eficiente, sostible e anticipativa, que mellora a calidade dos servizos públicos e a vida da cidadanía”
A Deputación de Ourense avanza na execución do PERTE OU-Intelixente, provincia da auga, que entra xa na súa recta final cun elevado grao de desenvolvemento e coa previsión de estar plenamente operativo ao longo do segundo semestre de 2026.
Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Auga, a institución provincial destaca o importante avance desta iniciativa, impulsada xunto con AquaOurense, que acadou xa o 97% das contratacións previstas e presenta un alto nivel de execución técnica en todo o territorio. Cun investimento superior aos 13,5 millóns de euros máis IVE (dos que 5,7 son de aportación provincial, que se suma á cesión do antigo edificio do Inorde para o centro intelixente da auga), o proxecto está a permitir unha modernización estrutural da xestión hídrica, especialmente relevante nunha provincia caracterizada pola dispersión municipal.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, salienta que “este proxecto supón un paso decisivo na modernización e na dixitalización da provincia, permitindo aplicar tecnoloxía avanzada a un recurso estratéxico como a auga, ao tempo que reforzamos a igualdade de oportunidades entre o rural e o urbano”.
Neste senso, Menor subliña que “o PERTE OU-Intelixente non é só un proxecto tecnolóxico, senón unha aposta clara por unha xestión máis eficiente, sostible e anticipativa, que mellora a calidade dos servizos públicos e a vida da cidadanía”.
Pola súa banda, Víctor Comesaña, xerente de AquaOurense, destaca que “chegados a este punto do proxecto, podemos afirmar que OU-Intelixente está a cumprir os obxectivos previstos tanto en prazos como en alcance”. O nivel de execución é moi elevado “e a tecnoloxía que estamos a incorporar posiciona á provincia como un referente na dixitalización do ciclo da auga, especialmente en contornas rurais”.
Despregamento tecnolóxico en toda a provincia
A implantación de tecnoloxía é xa unha realidade en boa parte do territorio. Ata o momento instaláronse máis de 58.000 contadores intelixentes —o 87% do total previsto— en 74 concellos da provincia. Ademais, medio cento de municipios están xa integrados nun sistema de monitorización que permite coñecer en tempo real o estado das redes de abastecemento e depuración.
Este despregamento abrangue máis dun cento de infraestruturas, entre depuradoras, estacións de bombeo e puntos críticos do sistema, mellorando notablemente a eficiencia e a capacidade de resposta ante incidencias. Paralelamente, estanse a desenvolver solucións avanzadas de control ambiental e de captación, como a monitorización en tempo real na comarca de Valdeorras ou o sistema de vixilancia de blooms algais no encoro das Conchas.
Un modelo innovador con dimensión territorial
Un dos elementos clave desta iniciativa é o desenvolvemento do Centro Intelixente para a Xestión Provincial da Auga (AquaOU), que funcionará como núcleo de control do sistema. Neste centro operativo integrarase toda a información do ciclo da auga nunha única plataforma, permitindo unha xestión centralizada, máis eficiente e baseada en datos.
Ademais, o proxecto ten unha clara dimensión territorial, ao facilitar que concellos de pequeno tamaño accedan a ferramentas tecnolóxicas avanzadas e a sistemas de control ata agora reservados a grandes cidades, reducindo a fenda entre ámbitos rurais e urbanos.
Co calendario de execución cumpríndose segundo o previsto, OU-Intelixente encara a súa fase final cun modelo de xestión que aspira a consolidarse como referencia e exemplo replicable noutros territorios con características semellantes.



