A comarca de Monterrei probará solucións a favor dunha viticultura rexenerativa, no marco dun proxecto cofinanciado con fondos europeos e liderado a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde)
Os socios do proxecto Circular Ecosystems, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do programa Interreg VI-A España-Portugal 2021-2027 (POCTEP), visitaron a Denominación de Orixe Monterrei durante a súa reunión de seguemento semestral, no marco da iniciativa liderada pola Deputación de Ourense, a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). O organismo provincial promove no marco deste proxecto o deseño dunha solución sistémica e unha acción piloto aplicada á viticultura rexenerativa, que terá como área de intervención a comarca de Monterrei.
En concreto, a comarca de Monterrei será obxecto dunha iniciativa que contribuirá a impulsar unha viticultura máis respectuosa co solo e coa propia viña. Esta experiencia piloto centrarase en revalorizar os residuos orgánicos da propia viña e reducir a contaminación.
Os socios do proxecto coñeceron a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, o viñedo experimental provincial, así como adegas que aplican prácticas circulares e novas plantacións, que contribúen á rexeneración do solo degradado e a prevención de incendios forestais.
A axenda tamén contemplou unha reunión de traballo entre os socios Fundación Patrimonio Natural de Castilla y León, Ayuntamiento de Valladolid, Diputación de Ávila, Municipio de Guimarães, Municipio de Matosinhos e o propio Inorde. No encontro de traballo, os socios analizaron o plan de acción nos territorios implicados e o mapeo das cadeas de valor que se estudan no proxecto, tales como a de solo, auga e nutrientes; téxtil e otros productos de consumo ou construción.
Neste sentido, o Inorde presentou o mapeo de axentes da cadea de valor “solo, auga e nutrientes” na provincia de Ourense, como paso previo á fase de deseño da solución sistémica e da acción piloto que contribuirá a impulsar unha viticultura rexenerativa.
O proxecto “Circular Ecosystems: Ecosistemas territoriales y soluciones sistémicas de Economía Circular”, cuxo obxectivo é previr a contaminación, estará en execución ata o ano 2026. O obxectivo é seguir impulsando unha estratexia provincial que promove unha agricultura sostible, dotando de ferramentas ao tecido produtivo.