A comisión de seguimento e control de Medio Ambiente informou favorablemente e por unanimidade do texto regulador que se debaterá no pleno do próximo 20 de decembro, un novo paso para cumprir coas normativas legais e situarse á vangarda
A institución provincial dá pasos firmes no seu compromiso coa xestión de maneira directa e pública de servizos estratéxicos para a cidadanía, como é o caso da recollida de lixo
A Deputación de Ourense dá pasos firmes na mellora de xestión de residuos dos concellos, un servizo asumido a nivel provincial, a diferencia do resto de deputacións galegas. A comisión de seguimento do convenio que a institución provincial mantén con 59 concellos que teñen as competencias de recollida de lixo delegadas informou favorablemente esta semana do documento actualizado que regulará o servizo provincial de recollida intermunicipal de residuos sólidos e urbanos.
O informe favorable, que permitirá actualizar a ordenanza actual, supón un avance estratéxico, pois o texto será levado ao pleno deste 20 de decembro, co obxectivo da súa aprobación e entrada en vigor.
O documento, que ten carácter de ordenanza non fiscal, regulará a prestación do servizo de recollida de residuos nestes 59 concellos cos que a Deputación mantén o convenio. “Regúlase tanto dende o punto de vista das obrigacións do prestador, neste caso a Deputación, como do cidadán”, sinala Javier Bobe, director da área de Medio Ambiente.
O texto que se levará a o pleno é unha revisión do regulamento actual, ao fin de adaptalo as esixencias legais actuais e cumprir cos mandatos europeos en xestión de residuos, que permitirán situar á Deputación á vangarda destes compromisos co medio ambiente.
Cara un modelo de recollida de residuos diferenciador
Neste sentido, cabe recordar que unha das apostas estratéxicas do mandato de Luis Menor é unha tarifa de lixo segundo o pago por xeración, un modelo diferenciador que permitirá que os usuarios paguen en función da cantidade de residuos que xera. Esta iniciativa non só require de importantes investimentos, tamén cambios nos hábitos da cidadanía.