O deputado provincial Ricardo Martínez visitou as instalacións, onde se van investir recursos provinciais do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local
O Concello de Cuntis recibe este ano ao abeiro deste plan un 160% máis de recursos que na edición anterior, cando obtivo 40.000 € para a mellora da accesibilidade deste mesmo recinto
O deputado provincial Ricardo Martínez visitou xunto co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, o pavillón municipal da vila, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de 104.000 euros para a mellora da súa pista deportiva. Farao a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición) cos que a institución provincial está a transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia. De feito, ao abeiro deste plan, Cuntis recibirá este ano un 160% máis de recursos que na anterior edición, cando se beneficiou de 40.000 euros para a mellora da accesibilidade deste mesmo recinto.
Ricardo Martínez deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, cos que se impulsará unha actuación que repercutirá de forma moi positiva na práctica deportiva. Mellorarase en amortiguación, o que reducirá o impacto nas articulacións dos deportistas e mellorará en xeral as condicións de xogo. Tamén se conseguirá unha superficie que esvara menos e totalmente plana, para maior comodidade e rendemento. Ademais, haberá maior claridade na sinalización das liñas de xogo, unha mellor estética e reduciranse os niveis de ruído, xa que a pista absorberá máis o son para crear un ambiente moito máis agradable tanto para xogadores como para espectadores. Os traballos consistirán na eliminación da pintura, o aplanamento da superficie, a colocación dunha malla de vidro e unha base de morteiro autonivelante sobre as que se instalará o novo pavimento vinílico e, ademais, o marcado e sinalización da pista.
“O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra diso”, asegurou Ricardo Martínez, que lembrou que “a Deputación de Pontevedra está facendo un grande esforzo económico para facer fronte á dotación e o mantemento das instalacións deportivas, que son moi custosos”. Por este motivo, sinalou, “impulsamos programas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para axudar os concellos a realizar estes labores”. O deputado provincial lembrou que “este ano temos máis recursos que nunca para o deporte, e iso responde a un modelo claro para o noso territorio” que pasa por “converter Pontevedra na provincia do deporte e no grande estadio deportivo do mundo”.