HomePontevedraCaldasA Deputación avanza que este venres aprobará unha axuda de preto de...

A Deputación avanza que este venres aprobará unha axuda de preto de 100.000 euros para as obras de mellora do pavillón polideportivo municipal de Pontecesures

- Anuncio -spot_img

O deputado provincial Ricardo Martínez visitou hoxe xunto coa alcaldesa, Maite Tocino, as instalacións do pavillón no que se van investir recursos provinciais do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local

O Concello de Pontecesures recibe este ano ao abeiro deste plan un 165% máis de recursos que na edición anterior, cando obtivo 35.500 euros para reformar os vestiarios do mesmo pavillón

O deputado provincial Ricardo Martínez visitou xunto coa alcaldesa, Maite Tocino, o pavillón polideportivo municipal de Pontecesures, onde anunciou que a Deputación aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de preto de 100.000 euros para a mellora destas instalacións deportivas. Farao a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que está dotado con oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición), un programa co que a institución provincial está a transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia. De feito, ao abeiro deste plan, Pontecesures recibirá este ano un 165% máis de recursos que na anterior edición, cando se beneficiou de 35.522 € para reformar os vestiarios deste mesmo pavillón.

Martínez deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos (concretamente 95.484 €), cos que o Concello quere reformar estas instalacións deportivas, que precisan dunha reparación integral por atoparse en malas condicións debido ao seu uso intensivo. En concreto, a pista multideportiva do pavillón será renovada completamente, reparando descascados e fendas e aplicando unha resina epoxi e selado con revestimento de poliuretano, substituiranse as actuais varandas e, na zona habilitada debaixo das gradas, restauraranse as vigas dos vestiarios, poranse novas portas cortafogos, aplicarase nova pintura en paredes, teitos e vigas e repararanse os descascados existentes.

“Estamos co deporte e estamos cos concellos, e esta actuación é unha boa mostra diso”, sinalou Ricardo Martínez, que lembrou que “a dotación e mantemento das instalacións deportivas son moi custosos e por iso estamos facendo un esforzo excepcional nesta materia con programas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas”. O deputado aproveitou a ocasión para lembrar que o deporte é un dos eixos prioritarios do goberno da Deputación, de xeito que “este ano temos máis recursos que nunca para o deporte. Temos un modelo claro para o territorio que se basea en converter Pontevedra na provincia deporte e no grande estadio deportivo do mundo”.

Publicacións Relacionadas