Trátase dunha das actividades do programa Voando nas Rías Baixas, que se desenvolverá da man de SEO/BirdLife entre os concellos de Pontevedra e Poio
A Deputación de Pontevedra organiza este domingo 9 de novembro unha ruta ornitolóxica no Esteiro do río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido, nos concellos de Pontevedra e Poio, dentro da programación de actividades do programa Voando nas Rías Baixas. En colaboración de novo coa asociación SEO/BirdLife, esta será a sexta das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante este ano para sensibilizar a poboación sobre os recursos naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio ambiente.
Ao fondo da ría de Pontevedra, o río Lérez verte as súas augas ao mar e achega ricos sedimentos, xerando un interesante intermareal no que as zonas de lodo e area atraen gran diversidade de aves limícolas, mariñas, ardeidos ou anátidas. Xa na desembocadura, é o Umia o que lle achega o seu caudal ao intermareal Umia-O Grove para crear un esteiro influenciado polas mareas e idóneo para aves acuáticas como garzas, limícolas, gaivotas, patos e corvos mariños.
A ruta, na que as e os 25 participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade, e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.
O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas en 2025 pecharase o 14 de decembro coa ruta da enseada de San Simón (Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa), para a que abrirá o prazo de inscrición o 1 de decembro.


