Trátase dunha Guía pretende ser unha invitación a achegarse a Castromao (Celanova, Ourense) e aproveitar para gozar da paisaxe e coñecer algún dos elementos que configuran a paisaxe e a historia de Galicia
O seu contido permite un achegamento ao xacemento, entendelo no seu contexto xeográfico e cultural, para seguidamente percorrer a historia da investigación e dos traballos que alí se executaron
A Deputación de Ourense acolleu a presentación da publicación “Castromao”, de Francisco Fariña Busto e Luis Orero, obra coeditada pola institución provincial xunto ao Grupo Marcelo Macías (GMM).
Esta guía pretende ser unha invitación a achegarse a Castromao (Celanova, Ourense) e aproveitar para gozar da paisaxe e coñecer algún dos elementos que configuran a paisaxe e a historia de Galicia.
Por esta razón ofrece unha dobre posibilidade para poder ser lida dende casa —o que fai precisa a incorporación dun amplo repertorio gráfico que facilite a súa comprensión— ou percorrendo o xacemento arqueolóxico, seguindo o itinerario sinalizado existente, e co apoio do aparato gráfico valorar mellor o que se ve.
O seu contido permite un achegamento ao xacemento, entendelo no seu contexto xeográfico e cultural, para seguidamente percorrer a historia da investigación e dos traballos que alí se executaron. Continuase coa descrición pormenorizada da escavación e dos seus resultados, así como das cronoloxías dos diferentes espazos estudados e dos problemas de interpretación existentes. Finalmente se completa cunha mostra dalgúns dos elementos arqueolóxicos encontrados nos traballos.
Castromao constitúe o número 13 da colección “Guías do Patrimonio Cultural” que, por iniciativa do (GMM), se ven publicando desde o ano 1988 e que contribúe á difusión de mostras relevantes do patrimonio cultural da provincia de Ourense. Deste xeito dáse continuidade a un labor fundamental polo que se pon ao alcance da sociedade os bens culturais máis próximos e máis significativos, incrementando o seu coñecemento, a súa valoración e a súa protección.
Os autores fan unha recompilación dos principais resultados das múltiples intervencións arqueolóxicas desenvolvidas nos últimos decenios e, cunha metodoloxía didáctica, e de maneira sintética, conseguen facer unha publicación accesible ao gran público. É mais, ao estar deseñada a xeito dunha guía, vai posibilitar enormemente o aproveitamento por parte da sociedade ao facilitar a visita e a comprensión dos restos arquitectónicos, tanto a un publico especializado como ao cidadán en xeral, e relacionalos cos principais restos mobles recuperados e conservados no Museo.
Un dos principais xacementos da cultura castrexa
Queda claro que Castromao é un dos principais xacementos arqueolóxicos para o estudo da cultura castrexa en todo o noroeste peninsular, que é moita a información que ten proporcionado a través das sucesivas investigacións levadas a cabo, pero que aínda é moito máis todo o que poderá facilitar co desenvolvemento de novas intervencións. Pero Castromao é ademais un recurso de primeira orde para o seu aproveitamento turístico da provincia.
A publicación dispón dun abundantísimo e selecto aparato gráfico que, xuntamente cun deseño áxil, contribúen a facer fácil a súa lectura e máis comprensible o seu contido.
Esforzo investigador
O GMM, creado en 1942, sempre nunha estreita relación e en colaboración co Museo Arqueolóxico Provincial, naceu para dar continuidade ao esforzo investigador e difusor desenvolvido desde finais do século XIX pola Comisión Provincial de Monumentos de Ourense a través do seu Boletín (1898-1960), primeiramente a través do Boletín do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (1943-1960) e, a partir de 1971, co Boletín Auriense, do que ininterrompidamente teñen saído á luz un total de 53 volumes (xa está en imprenta o núm. 54), sendo o verdadeiro órgano de difusión do GMM que difunde a nivel autonómico, nacional e internacional aquela investigación relacionada co patrimonio cultural con especial relevancia de Ourense e de Galicia.
Como complemento ao Boletín Auriense, o GMM puxo tamén en marcha, en 1982, a colección Anexos do Boletín Auriense do que xa se levan publicado un total de 42 volumes e, como xa se indicou, en 1988 a colección “Guías do Patrimonio Cultural”, do que o título “Castromao” fai o núm. 13. Entre todas contribúen a consolidar un fondo editorial co que se dá cumprimento ao compromiso adquirido pola institución de investigación e difusión dos bens culturais con especial incidencia nos da provincia de Ourense.
Dentro das súas actividades figura a participación directa na difusión dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense por medio de mostras temporais e itinerantes acompañadas maioritariamente de charlas e conferencias.
Por mor do seu papel na conservación e difusión do patrimonio cultural, o GMM foi merecente en 1983 do “Premio Otero Pedrayo”, concedido pola Xunta de Galicia e as catro deputacións galegas. Do mesmo xeito, e por idénticas razóns, foi honrado co Premio da Cultura Galega no ano 2014, polo seu labor en prol do patrimonio cultural.
Como recoñecemento á actividade desenvolvida, o GMM foi admitido en 1991 como membro de pleno dereito na Confederación Española de Centros de Estudos Locais do Cosello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Os autores
Luis Orero Grandal, nacido en Ourense, onde reside, en 1952, é licenciado en Xeografía e Historia pola USC, arqueólogo e director dos traballos arqueolóxicos en diversos xacementos ourensáns como O Coto do Mosteiro e o propio Castromao, onde dirixiu as campañas de intervención entre 1992 e 2008. Foi arqueólogo municipal de Celanova de 2004 a 2017. É autor de numerosas publicacións da súa especialidade.
Francisco Fariña Busto, nacido en 1949 e residente en Ourense, é licenciado en Filosofía e Letras pola USC. Membro do Corpo Facultativo de Conservadores de Museos con destino en Ourense onde foi Director do Museo entre 1975 e 2010. Patrón fundador do Museo do Pobo Galego e Académico correspondente da Real Academia da Historia dende 1990. Foi director das escavacións en Castromao entre 1975 e 1984. É autor de numerosas publicacións sobre temas arqueolóxicos, de museos, históricos e artísticos.