HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación colabora co 16º Salón de Prevención e Seguridade Laboral de...

A Deputación colabora co 16º Salón de Prevención e Seguridade Laboral de Galicia

- Anuncio -spot_img

Este evento, que terá lugar en Expourense os días 22 e 23 de marzo, ofrecerá formación especializada en prevención e seguridade laboral impartida por expertos na materia a través dun programa de 30 actividades

O vicepresidente primeiro provincial, Rosendo Fernández, participou esta mañá no acto de presentación de Previsel, destacando “a importancia de apoiar este tipo de eventos desde a administración provincial, reunindo en Ourense a múltiples traballadores e empresas de Galicia e de fóra, e permitindo sensibilizar en materia de seguridade e prevención de riscos laborais”

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta mañá na presentación do 16º Salón de Prevención e Seguridade Laboral de Galicia (Previsel), que terá lugar en Expourense os días 22 e 23 de marzo. Este evento, co que colabora a Deputación, ofrecerá formación especializada en prevención e seguridade laboral impartida por expertos na materia.

Ademais do vicepresidente provincial, o acto de presentación contou coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o xefe do Centro ISSGA de Ourense, Ángel López; o secretario xeral de Tesgalicia e a directiva de Tesgalicia, Uxío Figueroa e Beatriz Fernández respectivamente; e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

Rosendo Fernández destacou na súa intervención “a importancia de apoiar este tipo de eventos desde a administración provincial, reunindo en Ourense a múltiples traballadores e empresas de Galicia e de fóra, e permitindo sensibilizar en materia de seguridade e prevención de riscos laborais”.

Programa de actividades

Grazas á colaboración da administración, patronal, sindicatos e servizos de emerxencias, esta edición de Previsel contará cun programa de 30 actividades, divididas entre a área de exposición e a das xornadas técnicas. Todas elas xirarán en torno aos eixos da prevención, saúde e seguridade laboral, engadindo nesta edición actividades sobre o acoso sexual e a igualdade de xénero, así como a prevención de trastornos músculo-esqueléticos.

Concretamente, durante as dúas xornadas realizaranse obradoiros e conferencias de primeiros auxilios, vixiancia da saúde dos traballadores, seguridade laboral en traballos de altura e no sector da construción e prevención de acoso sexual no eido laboral. Ademais, na parte expositiva do evento haberá diferentes postos con produtos de empresas especializadas na prevención de riscos laborais, e tamén se expoñerán equipamentos e vehículos vencellados coa prevención e as emerxencias, achegados por empresas ou entidades como a Deputación.

Todas estas actividades serán posibles grazas á presenza en Previsel 2023 de organizacións como a Consellería de Medio Rural, a Axencia de Emerxencias de Galicia, Cruz Vermella, Servizos de Emerxencias locais, sindicatos e representantes de diversas empresas e asociacións do sector da construción.

A asistencia a estas actividades é gratuíta e precisa de inscrición previa a través da web www.previsel.com ou no teléfono 988 36 60 30.

Publicacións Relacionadas