Luis Menor pon en valor a lei que “permitiu progresar como administración e como país”
O presidente provincial, Luis Menor, destacou hoxe a conmemoración dos 40 anos da Lei de Bases de Réxime Local como un “fito”, xa que esta normativa “permitiunos progresar como administración e como país”. No Pazo Provincial presentouse hoxe o programa «Congreso 1985-2025: 40 anos de bases de réxime local e do control externo en Galicia», que se celebrará os vindeiros días 15 e 16 de setembro no Palexco, na Coruña.
Menor agradeceu ao Consello de Contas que contase coa Deputación de Ourense para este acto, poñendo en valor a “cooperación directa” da administración ourensá con este organismo, sinalando tamén que interventora xeral da Deputación, Mónica Legaspi, será unha das relatorsa nun congreso no que, destacou Menor, “haberá alta calidade para pensar e repensar a administración”.
O conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, e o conselleiro da Área de Corporacións Locais, Simón Rego Vilar, detallaron a programación do congreso, que xa ten aberto o prazo de inscricións gratuítas.
Tal e como explicaron, este Congreso terá un carácter eminentemente práctico, con talleres específicos onde se abordarán aspectos como a Plataforma de Rendición de Conta ou o custe efectivo dos servizos públicos municipais.
Trátase de configurar o evento como un foro de diálogo e debate que reúna á representación da Administración Local, nas súas múltiples vertentes e voces protagonistas, para facer balance destes 40 anos de bases de réxime local e marcar as liñas dos retos pendentes para as próximas xeracións da xestión pública local.