O vicepresidente primeiro do goberno provincial e titular do Inorde, Rosendo Fernández, participou esta mañá na presentación da feira gastronómica na Casa de Galicia en Madrid
Rosendo Fernández ponderou a repercusión socioeconómica dunha feira que afronta esta ano un momento clave coa chegada da Alta Velocidade
A Deputación de Ourense colabora coa celebración da 23ª edición de Xantar, a única feira internacional de turismo gastronómico de España e que se presentou esta mañá na Casa de Galicia en Madrid coa presenza de Rosendo Fernández, vicepresidente primeiro do goberno provincial e presidente do Inorde.
Rosendo Fernández estivo acompañado na presentación da feira, que se celebrará do 9 ao 13 de novembro, polo director de Xantar e xerente de Expourense, Rogelio Martínez; o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; e o novo director da Casa de Galicia, Juan Carlos Serrano.
O vicepresidente primeiro da Deputación resaltou na súa intervención a importancia de Xantar como motor dinamizador do territorio e que chega a súa 23 edición nun momento clave, coa chegada da Alta Velocidade.
Precisamente, a propia presentación da feira en Madrid foi unha invitación a vivir unha experiencia gastronómica en Ourense, coincidindo coa celebración do San Martiño e os Magostos. Para iso, a organización do evento puxo en marcha un paquete turístico, en colaboración con “Sente Galicia”, que inclúe a visita ao salón, a comida ou cea nun dos seus 7 restaurantes, a participación nalgunha das máis de 100 actividades previstas, e noite con almorzo nun hotel do centro da cidade.
Segundo resaltouse esta mañá na presentación, outro dos atractivos para visitar Ourense e Galicia coincidindo con Xantar é o Xacobeo, polo que esta edición da feira gastronómica volverá estar centrada na promoción da gastronomía dos distintos camiños a Santiago de Compostela, tanto os que atravesan España como Portugal.
Ampla programación
Xantar 2022 poñerá en marcha as accións de sempre, este ano xa sen as restricións nin medidas sanitarias que tiveron que adoptarse na edición de 2021. Manténse a redución no número de restaurantes e contarase cun total de 7: “Camiños EnOUgastronómicos” ofrecido polo INORDE; os dos Concello do Irixo, o de Arnoia e o da Garda; o de Zamora; un de Portugal representado polo Caminho Minhoto Ribeiro; e como novidade, un de Massachusetts (EEUU).
Como é habitual, o programa de accións que ofrecerá o salón estará orientado a proxectar internacionalmente, desde a perspectiva da calidade e da sustentabilidade, o turismo enogastronómico de Galicia, do resto da Península Ibérica e de Iberoamérica. Estas actividades serán fundamentalmente o 17 Encontro Internacional Sobre Gastronomía Saudable e Sostible, con talleres de cociña de chefs, catas comentadas, presentacións e conferencias e nova edición do encontro internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas e do Encontro de Bloggers Gastronómicos e Turísticos.
Tamén se puxo en marcha unha nova edición do Túnel do Viño e do Concurso Gourmet Grupo Cuevas. Para todo iso, cóntase con 3 aulas gastronómicas e unha aula de cata que dará ao amplo programa desta edición, con máis de 100 actividades durante cinco días. Haberá ademais un espazo reservado á promoción das festas gastronómicas de Galicia, con degustacións dos produtos protagonistas destas festas e cuxa exaltación foi a orixe de Xantar hai xa 23 anos.
Polo que respecta aos expositores, Xantar ten agora mesma a súa superficie expositiva cuberta ao 100% coa presenza de destinos e empresas procedentes de toda Galicia e de distintas partes de España e onde volve destacar a masiva presenza de cámaras municipais do norte de Portugal, ademais da participación directa da Entidade de Turismo Porto e Norte de Portugal, socio estratéxico de Xantar no país veciño. Tamén participarán profesionais e representantes institucionais de países como Perú ou Costa Rica.



