O seminario terá lugar na sede da escola en Viascón, Cerdedo-Cotobade, o próximo sábado 13 de decembro entre as 17 e as 19:30 horas
A Deputación de Pontevedra colabora coa Escola Hong Muay Thai Academy nun seminario benéfico de defensa persoal para a recollida de alimentos non perecedoiros. O seminario terá lugar na sede da escola situada en Viascón, Cerdedo-Cotobade, o próximo sábado 13 de decembro entre as 17 e as 19:30 horas. As persoas interesadas en participar deberán anotarse a través do teléfono da escola (679 612 484) e do Concello de Cerdedo-Cotobade (sede de Cerdedo: 986 753 006 e sede de Carballedo: 986 760 001).
O seminario, que será impartido por Toni Garrido, tratará técnicas básicas para que as persoas saiban defenderse ante calquera tipo de agresión ou intento de agresión física. Neste eido, daranse pautas para defenderse de golpes con armas brancas como poden ser paos ou coitelos e, tamén técnicas de defensa corpo a corpo. O seminario estará aberto tanto a adultos como para nenas e nenos.
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra súmase a esta actividade da Escola Hong Muay Thai Academy coa que se pretende recoller alimentos non perecedoiros para distribuír entre as familias do Concello de Cerdedo-Cotobade que o necesiten.



