Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial ao alcalde, José Antonio Feijóo, que explicou os detalles dun proxecto a realizar no pobo de Meaus, núcleo económico do estado independente entre Galicia e Portugal que mantivo a súa vixencia durante 700 anos, ata 1864
O presidente do goberno provincial valorou positivamente unha iniciativa que “ratifica o noso compromiso con este espazo singular”, lembrando que o proxecto executarase nun inmoble -a casa do último xuíz do Couto Mixto- adquirido polo Concello coa axuda da Deputación, que agora tamén financia as obras de desentullo e limpeza do solar
O alcalde tamén solicitou a axuda da Deputación para o arranxo dunha estrada municipal que une os municipios de Baltar e Os Blancos
A Deputación de Ourense colaborará na rehabilitación da casa do último xuíz do Couto Mixto, un inmoble que o Concello de Baltar quere transformar en centro de interpretación para manter viva a historia dunha zona transfronteiriza que durante 700 anos e ata 1864 mantívose como estado independente de Galicia e Portugal.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao alcalde, José Antonio Feijóo, que explicou os detalles dun proxecto que se situará no pobo de Meaus, unha das tres localidades que integraban o Couto Mixto e que foi o núcleo económico e comercial deste estado. Manuel Baltar valorou positivamente a iniciativa, “que vai permitir recuperar as tradicións e o xeito de vivir dunha república que gozaba de privilexios diferentes aos de Galicia e Portugal”.
Esta colaboración, destacou o presidente do goberno provincial, “ratifica o compromiso da Deputación con este espazo singular, pois xa contribuímos á adquisición do inmoble por parte do Concello e agora vanse iniciar, tamén financiadas pola administración provincial, as obras de desentullo e limpeza do solar”.
José Antonio Feijóo agradeceu a Manuel Baltar a súa disposición a colaborar “nun proxecto ambicioso”, para o que tamén pediu o seu apoio á hora de conseguir a cooperación doutras administracións como a Xunta de Galicia.
No encontro co presidente da Deputación, Feijóo tamén solicitou a axuda do goberno provincial para o arranxo e acondicionamento da estrada municipal que une as poboacións de Tixós, no municipio de Baltar, e Os Cuquexos no concello dos Blancos. Un treito de aproximadamente dous quilómetros “nunha vía moi transitada polos habitantes da zona pero cuxo firme atópase en deficientes condicións”.
Ao remate do encontro, o alcalde expresou a súa satisfacción “pola receptividade incondicional que sempre encontramos en Manuel Baltar para levar a cabo proxectos que, sen axuda da Deputación, sería imposible executar polos nosos escasos recursos”.