Manuel Baltar mantivo unha xuntanza no Pazo Provincial co xefe da Comandancia da Guardia Civil en Ourense, Rafael López, e o comandante Benito Fernández, para abordar esta nova liña de cooperación, que tomará forma nun convenio asinado coa Dirección Xeral da Guardia Civil
O convenio entre Deputación e Dirección Xeral da Guardia Civil renovarase cada ano e, como avanza o presidente, estará incluído no Plan de Mandato “2127”
O presidente da Deputación pon en valor “o traballo da Guardia Civil na vertebración e cohesión do noso rural: este corpo é unha potente ferramenta na loita contra a despoboación, ao ser un servizo básico de apoio aos veciños como demostra a súa altísima valoración social”.
Manuel Baltar enmarca este investimento no “compromiso deste goberno provincial cos servizos públicos e a seguridade dos veciños dos 92 concellos ourensáns, con froitos como o peche do mapa de emerxencias ou o Consorcio provincial contra incendios”
“Seguimos avanzando nun camiño, o de blindar a atención ás emerxencias e a seguridade cidadá en todo o territorio provincial, que é fundamental na dinamización territorial, como vimos de reivindicar en Ourense na recente Conferencia Política da CEPLI”, sinala o presidente do goberno provincial
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo unha xuntanza no Pazo Provincial co xefe da Comandancia da Guardia Civil en Ourense, Rafael López, e o comandante da Guardia Civil Benito Fernández, para avanzar o compromiso do goberno provincial co acondicionamento e mantemento dos cuarteis de Lobios e Lobeira.
Manuel Baltar pon en valor a importancia deste investimento, que tomará forma nun convenio entre Deputación e Dirección Xeral da Guardia Civil, e remarca o “traballo da Guardia Civil na vertebración e cohesión do noso rural: este corpo é unha potente ferramenta na loita contra a despoboación, ao ser un servizo básico de apoio aos veciños como demostra a súa altísima valoración social”.
O presidente da Deputación enmarca esta nova liña de colaboración coa Guardia Civil “no compromiso deste goberno provincial cos servizos públicos e a seguridade dos veciños dos 92 concellos ourensáns. Porque un ourensán, viva no municipio que viva, ten que ter ao seu carón ás administracións públicas e os servizos públicos”.
Colaboración incluída no “Plan de Mandato 2127”
O convenio entre Deputación e Dirección Xeral da Guardia Civil, de renovación anual, segundo avanza o presidente do goberno provincial estará incluído no Plan de Mandato “2127” e nace co obxectivo de apoiar o “fundamental traballo” que realiza a Guardia Civil no rural ourensán.
Neste sentido, Manuel Baltar destaca a importancia de “seguir avanzando nun camiño, o de blindar a atención ás emerxencias e a seguridade cidadá en todo o territorio provincial, que é fundamental na loita contra a despoboación, como vimos de reivindicar en Ourense na recente Conferencia Política da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios”.
O esforzo da Deputación neste eido tense traducido nos últimos anos en fitos como converter a Ourense na primeira provincia galega que pecha o seu mapa de emerxencias -con todos os concellos da provincia a menos de 30 minutos dun dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) grazas ao novo convenio asinado coa Xunta de Galicia en 2022-; un traballo que se suma ao desenvolvido polo Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, cos parques de bombeiros de Xinzo, Verín, Valdeorras e O Carballiño -que pasaron en febreiro deste ano ao modelo de xestión directa-; ou ao do parque de bombeiros xestionado directamente polo goberno provincial no Polígono de San Cibrao das Viñas.
“A Deputación culminou neste mandato un cambio de paradigma na xestión das emerxencias”, resume Manuel Baltar, “reforzando a súa colaboración con todos os niveis da administración pública cun obxectivo moi claro e contundente: ofrecer, a través da colaboración, un servizo o máis eficiente posible co que dar unha resposta áxil e eficaz ante calquera incidencia que sucede na nosa provincia”.



