HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación comeza por primeira vez en Lalín os cursos de español...

A Deputación comeza por primeira vez en Lalín os cursos de español para que persoas inmigrantes poidan solicitar a nacionalidade española

- Anuncio -spot_img

Na acción formativa van participar 15 persoas de Arxelia, O Brasil, Lituania, Marrocos, Romanía, O Sáhara e O Senegal co fin de preparar as probas de idioma do Instituto Cervantes

A Deputación de Pontevedra organiza por primeira vez en Lalín, en colaboración coa Universidade de Vigo, un curso de español gratuíto para que inmigrantes poidan superar as probas orais, escritas e de comprensión do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española e así axudalas na súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. Nesta acción formativa, que terá lugar no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero, van participar 15 persoas procedentes de Arxelia, O Brasil, Lituania, Marrocos, Romanía, O Sáhara e O Senegal.

O obxectivo deste curso, que comeza este martes 9 de setembro e se estenderá ata o día 19, é facilitar ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título e apoiar, así, a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. As persoas que van participar saben ler e escribir, atópanse en situación regular en España, son maiores de 16 anos, teñen coñecementos básicos da lingua española e están empadroadas en Lalín, Rodeiro e Silleda.

Os cursos, para os que se recibiron máis dun cento de solicitudes, xa se realizaron antes do verán en Pontevedra e Vigo. Tamén se organizan sesións previas ás probas do exame DELE A2, previstas para este venres (12 de setembro) en Vigo e Pontevedra e para o 22 de novembro no caso de Lalín, coa finalidade de lembrar a estrutura da proba e resolver dúbidas de derradeira hora. A metodoloxía da formación baséase no emprego de supostos prácticos, simulacros de exame e no desenvolvemento de destrezas e estratexias para asentar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba.

Este ano a Deputación de Pontevedra destina 18.000 euros aos cursos de español, de carácter gratuíto para un total de 60 persoas inmigrantes. En 2024 recibíronse 125 solicitudes para participar na formación. Das 60 persoas seleccionadas, 51 presentáronse ao exame e 40 aprobárono. A maioría delas procedían do Brasil (27), seguido de Marrocos (17) e Ucraína (6), se ben tamén houbo participantes do Senegal, Nixeria, os Estados Unidos, Ghana, Malí, Serra Leona e Siria.

Publicacións Relacionadas